miércoles, 7 de agosto de 2013

Terrazas Literarias: Francisco Castro e Domingo Villar

Esta semana estreamos as nosas Terrazas Literarias, unha nova proposta que dende a biblioteca ofrecemos este verán para gozar do solpor, e ao tempo que tomamos un refresco poder escoitar e falar de literatura, do oficio de escritor e das nosas experiencias dunha maneira distendida e divertida.


Francisco Castro visitou de novo a biblioteca para inaugurar estas terrazas. O autor de Chamade Simbad ou Spam falou das súas experiencias, de pequenas anécdotas que lle mostraron como continuar algunha das súas novelas, das horas e do traballo que teñen os seus escritos e do seu afán de corrixir e corrixir. Explicounos como para el "escribir dende a verdade", "ese furado no peito" é o realmente importante a hora de escribir.

A idea da arte para emocionar foi o que sobrevolou durante toda a conversa desta fermosa tarde, a necesidade de amosar a arte dende a escola, xa sexa dende a literatura, as artes plásticas ou a música. Como non a música!... o gran amor deste autor que sempre quixo ser músico tamén estivo moi presente nesta conversa.

O día seguinte e coa mirada fita no ceo, por si chovía, tivemos a sorte de contar coa presenza de Domingo Villar, que interrompeu as súas vacacións para estar con nos.
Foron moitas as persoas que amosaron a súa emoción ao recordar a lectura das súas obras e o seu percorrido pola cidade na que nos atopamos.
Máis dunha risa tamén se amosou ao falar de Leo Caldas e Rafael Estévez e como estes dous personaxes das novelas Ollos de auga e A praia dos afogados son un claro exemplo do carácter dos galegos e como nos ven a xente de fóra.
Explicounos o seu modo de traballo, como crea as historias, como aparecen os seus personaxes e como non quere entregar ningunha obra ata que considera que está ben rematada... A pesar da petición da xente que estamos desexando unha nova entrega.

Dous vigueses dunha mesma xeración que viven do oficio da escritura e que teñen diferentes visións do feito literario, pero que comparten a teima de levar consigo a todas partes unha libretiña para anotar, esa idea, esa frase, un personaxe... para mergullalos na súa próxima novela e que podamos gozar léndoas e emocionándonos con elas.

Estes dous viguese fixéronnos pasar unhas tardes moi divertidas e descubrir algún que outro segredo literario E QUE ESPERAMOS REPETIR O PRÓXIMO VERÁN.




2 comentarios:

  1. Non asistín por puro despiste e doume unha rabia tremenda...Bravo polas boas ideas, bravo polas iniciativas orixinais e estimulantes...Noraboa, Neira Vilas

    ResponderEliminar
  2. ay, yo tampoco me enteré, suele pasarme :)

    ResponderEliminar