miércoles, 24 de abril de 2013

Día do Libro. Obradoiro de Hip Hop

Para celebrar o Día Internacional do Libro, e celebrar así mesmo o mes de Rosalía, organizamos na biblioteca un interesantísimo obradoiro de Hip Hop, no que a obra rosaliana serviu de fío condutor. O encargado de levar a cabo esta iniciativa foi Sergio Regos "García", do colectivo Dios Ke Te Crew.

Na primeira parte, García achegou aos participantes ao mundo do Hip Hop: a súa historia, a súa cultura ou a figura dalgunhas personaxes destacadas, como Afrika Bambaataa. Así mesmo, adentrámonos nas diferentes facetas deste universo, como o breakdance, o graffiti, o dj-ing, o rap ou o beatbox. A través de vídeos e páxinas web fomos vendo diferentes exemplos, tamén galegos, de todo o que se ía explicando.

Asentados os coñecementos básicos, tocou hora de poñer todo o aprendido en práctica, así que por grupos, ou de forma individual, os participantes comezaron a elaborar unha letra a partir dunha base musical. Despois de recibir as indicacións de García sobre como encaixar música e letra, onde facer as pausas ou onde entrar, chegou o momento de lanzarnos a interpretar os distintos temas. Sobra dicir que o resultado foi espectacular!

No hay comentarios:

Publicar un comentario