miércoles, 27 de marzo de 2013

Programación Abril 2013

Presentámosvos o programa de actividades para o mes de abril, que nesta ocasión vai xirar ao redor da figura de Rosalía de Castro: co gallo de festexar o ano no que se celebra o 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a cidade de Vigo, onde se publicou por primeira vez esta obra, organiza diferentes actividades ás que nos sumamos dende a Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas. Así, Rosalía de Castro e os seus Cantares Gallegos servirán de fío condutor para cada unha das sesións.

Desta forma, por un lado poderedes gozar coas nosas actividades permanentes, como o Sabadiño do Roque, Entre arrolos e contiños ou a Hora dos Contos para os máis pequenos, ou os Contos Dakí para os adultos. Pero ademais, o mes de abril é o mes do libro, con dúas importantísimas citas: o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril), co obradorio Rosalía, unha meniña ou o Día do Libro (23 de abril), no que vos propoñemos un interesante obradoiro de Hip Hop da man do colectivo Dios Ke Te Crew. Non vos perdades tampouco a cita con Ola ríos, ola fontes o 25 de abril.

Ao longo de todo o mes a biblioteca acollerá tamén a exposición e a mostra bibliográfica ROSAL/A V/IGO 150 A/OS, nas que se poderán contemplar diferentes portadas de Cantares Gallegos que ao longo destes 150 anos se teñen publicado, tanto en distintos idiomas como en diferentes lugares do mundo, xunto con diferentes obxectos da cultura popular que reflicten a importancia de Rosalía nos nosos días. Todo acompañado dunha selección bibliográfica e de material audiovisual relacionado con Rosalía de Castro, que estará a disposición das persoas usuarias da biblioteca tanto en consulta en sala como para o servizo de préstamo.

Podedes consultar toda a información da programación de abril pinchando no seguinte enlace: Programa de actividades abril 2013.

Así mesmo, tedes xa á vosa disposición a programación do trimestre pinchado en Programa de actividades abril - xuño 2013 no menú "Programación" que tedes no lado dereito do blog.

No hay comentarios:

Publicar un comentario