viernes, 15 de marzo de 2013

Obradoiro de escritura creativa. Francisco Castro

Tras o éxito da pasada edición do Obradoiro de escritura creativa e a gran demanda por parte dos usuarios da biblioteca para que repetísemos a iniciativa, os pasados 12 e 13 de marzo organizamos unha nova edición deste curso dirixido polo escritor e editor Francisco Castro.

Así, de novo os asistentes se achegaron nestas dúas xornadas ao mundo da creación literaria a través dos diferentes exercicios plantexados por Francisco Castro, grazas aos cales foi desvelando as claves da ficción literaria, que afonda no poder evocador da literatura, na idea de que todo se pode aumir como realidade, ao igual que lle sucede a Alicia no País das Marabillas. Definir un bico, unha personaxe, plantexar situacións irreais (que pasaría si...?), escribir un microrrelato, crear unha atmósfera concreta recreando a última carta dun condenado a morte... foron algunhas das actividades propostas para que os participantes fosen experimentando o pracer de escribir.

Desta forma, ao longo das dúas sesións, o escritor foi desvelando algunhas das cuestións máis importantes ás que todo autor debe enfrontarse á hora de escribir, sinalando o peso das palabras, o uso da imaxinación en contra da realidade, a precisión lingüística ou a importancia da corrección.

Rematamos de novo coas palabras do propio Francisco Castro, que resumen á perfección a filosofía do escritor: "sinto a necesidade de pelexar coas palabras para que expresen o que eu realmente quero".

No hay comentarios:

Publicar un comentario