lunes, 25 de marzo de 2013

Contos Dakí. Avelino González

O pasado venres Avelino González visitou de novo a biblioteca Neira Vilas dentro do ciclo Contos Dakí, que cada mes nos achega as historias dalgúns dos contadores de máis renome da nosa xeografía.

Nesta ocasión, a contada xirou ao redor do mar, elemento fundamental do país, das súas historias e lendas. Así, as sereas foron protagonistas dos primeiros relatos, a través dos que coñecimos os amores de Denís de Chantada ou Roldán de Roncesvalles con dúas fermosas sereas, e como destas descendemos moitos galegos (non temos máis que probar o sabor do noso embigo para saber se descendemos dun porco ou dunha serea). 

Pero no mar viven tamén outros seres fascinantes, como as baleas, que durante un tempo foron sustento dos bravos mariñeiros do Morrazo. Ou as lumbrighantas e os anghiachos, de cuxa relación aprendimos que un non pode estar sempre pechado na casa, que non hai mellor pan que o que un gaña por si mesmo, e que non hai peor medo que o de ter medo.

Non podían faltar tampouco as historias referidas a Vigo, e desta vez todos poidemos evocar as melodías  do carrillón da Caixa de Aforros, que durante moito tempo marcaron a vida e os tempos da cidade.

Estes e moitos outros contos conseguiron manter ao numeroso público completamente entregado ás palabras de Avelino, coas que volverá a deleitarnos o vindeiro mes de xuño. Mentres, convidámosvos á vindeira sesión dos Contos Dakí en abril.


Contos Dakí
Próxima sesión: venres 26 de abril ás 19.30h
Conta: Celso F. Sanmartín

No hay comentarios:

Publicar un comentario