miércoles, 6 de marzo de 2013

Cándido Pazó. Contos da memoria dun neno labrego

Para celebrar que este mes de marzo a Biblioteca Xosé Neira Vilas cumpre dous anos, visitounos de novo Cándido Pazó, nesta ocasión para presentarnos os seus Contos da memoria dun neno labrego, unha sesión de contos tradicionais contados ao xeito de hoxe e para xente de hoxe, na que narrou historias das que un neno do rural de doce anos escoitaría a carón da lareira, nun velorio, nunha esfollada... Como as que escoitaría Balbino, o protagonista de Memorias dun neno labrego, unha das obras claves de Xosé Neira Vilas.

Así, fomos coñecendo personaxes como a tía Miseria, visitada polo mismísimo San Pedro e despois pola Morte, e como conseguiu escapar das súas fauces, de aí que no mundo estea sempre presente a miseria. Tamén nos achegamos ás historias do ladrón Simón Guindán, do pobre Xaquinciño da fame e o seu preito con Lolo o Paxareta, resolto polo bo de Abel das Paces, ou soubemos de como Xan Lacazán atopou o mellor traballo do mundo: ser xenro de rei.


Unha a unha, as historias foron arrincando os sorrisos e gargalladas do público asistente, pero tamén deixaron en nós un pouso, agardando, en palabras do propio Cándido, que esas historias, as das memorias persoais de tantos e tantos nenos como Balbino, caian cando cheguen a vellos na terra fértil da escoita e volvan á memoria colectiva, para que renaza e continúe ese gran tesouro que é a nosa tradición oral.


No hay comentarios:

Publicar un comentario