jueves, 21 de marzo de 2013

Achégate á internet. Procura de emprego

Esta semana a Biblioteca Xosé Neira Vilas organizou unha nova edición dos talleres Achégate á internet. Procura de emprego, unha actividade encadrada dentro das accións de formación de usuarios e unha das máis demandadas. O obxectivo principal dos obradoiros foi o de formar usuarios autónomos na busca e asimilación de información, neste caso centrándonos na procura de emprego a través do uso das TIC, ofrecéndolles ferramentas específicas para a busca de traballo dispoñibles na internet.

Así, os dous talleres xiraron ao redor de dous conceptos básicos, por un lado a Busca activa de emprego a través de portais web especializados, no que os participantes tiveron a oportunidade de aprender algunhas das claves básicas para que os currículos e información que colgamos neste tipo de portais reflictan o mellor posible as nosas capacidades. Achegámonos a algunhas das páxinas máis coñecidas, así como ás ferramentas que nos poden ser de utilidade para que as nosas candidaturas a un posto de traballo sexan o máis efectivas posible.

Na segunda xornada, adicada aos Perfís profesionais nas redes sociais, vimos como sacarlle o máximo partido a este tipo de redes, dende as máis profesionais como LinkedIn, ata as de uso máis común como Facebook ou Twitter, sen esquecer tampouco páxinas persoais ou blogs. Para todas elas o importante é saber filtrar a información que publicamos nas mesmas, de forma que non prexudique as nosas posibilidades de acceder ao mercado laboral.

Se estades interesados en participar neste tipo de cursos de alfabetización dixital, tanto de busca de emprego como de iniciación á internet, permanecede atentos á programación da biblioteca: nos próximos días publicaremos o programa do vindeiro trimestre onde atoparedes información de novas edicións de Achégate á internet.

No hay comentarios:

Publicar un comentario