jueves, 28 de febrero de 2013

Programación de actividades. Marzo 2013

Xa tedes á vosa disposición no menú "Programación" (no lado dereito da pantalla) todas as actividades que ao longo do mes de marzo se van celebrar na Biblioteca Xosé Neira Vilas, que cumpre xa dous anos de vida!

Para celebrar este aniversario presentámosvos un completo programa, no que poderedes atopar as nosas actividades permanentes, tanto as dirixidas aos máis pequenos, como o Sabadiño do Roque, a Hora dos Contos ou Entre Arrolos e contiños; como as dirixidas ao público adulto, como os Contos Dakí, que este mes conta con Avelino González como mestre de cerimonias.

Pero ademáis, convidámosvos a participar nun novo Obradoiro de escritura, a cargo de Francisco Castro, ou no tan demandado Achégate á internet: Procura de emprego, que ven da man da mostra bibliográfica deste mes: Bibliolabora, onde poderedes atopar un sinfín de recursos relacionados coa busca de emprego, a elaboración de currículos, as melloras no traballo, a xestión dos recursos humanos ou o autoemprego.

Os cativos, neste mes tan especial, contarán tamén cunha divertida obra de monicreques a cargo da compañía Tanxarina, que nos presenta o espectáculo Timoteo, o amigo do labrego.

Non queremos pasar a ocasión de convidarvos a participar na nosa próxima cita: o vindeiro martes 5 ás 19.30h, visítanos de novo, dous anos despois da apertura da biblioteca, Cándido Pazó, cunha magnífica sesión de contacontos para adultos titulada Contos da memoria dun neno labrego.



Agardámosvos!


No hay comentarios:

Publicar un comentario