sábado, 16 de febrero de 2013

O alcalde de Vigo visita a Biblioteca Neira Vilas


Na mañá de onte o alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado pola tenente de alcalde Carmela Silva, o concelleiro de fomento David Regades e o concelleiro de cultura Cayetano Rodríguez, visitaron a biblioteca, que o próximo mes de marzo cumple xa dous anos de andadura.

Despois de percorrer as instalacións, Abel Caballero destacou o bo funcionamento da BPM Xosé Neira Vilas, que definiu como a "crónica dun éxito anunciado", e é que dende que abriu as súas portas en 2011 recibiu a máis de 121.000 usuarios que acudiron ao centro a facer uso dos distintos servizos que ofrecemos: lectura en sala, préstamo de documentos, servizos de internet e ofimática, servizo de audición e visionado, etc. 

Ao remate de 2012 os socios duplicáronse con respecto a 2011, chegando aos 6.895, e os préstamos superaron os 66.400 exemplares, o que supón un nivel de rotación de catro, é dicir, que cada documento se presta de media catro veces, o que indica, en palabras do alcalde, "un nivel moi importante de interese pola riqueza bilibliográfica do centro".

Así mesmo, o alcalde suliñou a importancia do programa de actividades que levamos a cabo na biblioteca, con numerosas iniciativas que van dende a animación á lectura para os máis cativos (incluídos os bebés), aos contacontos para adultos, os programas para escolares, ou as accións de formación de usuarios, tanto de alfabetización dixital como de procura de emprego, entre oturas. En total, 235 actividades nas que participaron máis de 13.000 persoas.

Podedes consultar máis información sobre a visita nos seguintes enlaces:

Tamén podedes ver a programación do trimestre pinchando aquí: Programa de actividades xaneiro marzo 2013

Non nos queda máis que darvos as grazas a todos vós, aos nosos usuarios, sen os que este éxito non sería posible. Vémonos na biblioteca!

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario