sábado, 29 de diciembre de 2012

Contos Dakí. Avelino González


Na súa primeira visita á biblioteca Neira Vilas, Avelino González non defraudou ao numeroso público que acudiu a escoitar as súas historias, arrincando sorrisos e ben merecidos aplausos.

Como bo vigués, de San Andrés de Comesaña, comezou ofrecéndonos toda unha lección sobre a  propia cidade, e especialmente sobre a súa sociedade decimonónica, cunha deliciosa mestura de ficción e realidade.

Nunha terra como a nosa, tampouco faltaron as referencias ás lendas e a maxia, historias acaecidas no "tempo certo do había unha vez". Así coñecemos personaxes como Denís de Chantada e a Moura de Medeiros, e xunto a eles moitos outros seres máxicos que habitaron, ou habitan, lugares non moi lonxanos...

Avelino González visitará de novo a Neira Vilas o vindeiro venres 22 de marzo, pero para os que non poidades estar tanto tempo sen escoitar uns contiños ben contados como os seus, convidámosvos á vindeira sesión de Contos Dakí:

Contos Dakí
Póxima sesión: venres 25 de xaneiro de 2013
Conta: Celso Sanmartín

viernes, 28 de diciembre de 2012

A cesta dos libros

Agora que remtata o 2012, queremos agradecervos unha vez máis a todos os usuarios da Biblioteca Xosé Neira Vilas a vosa participación, os vosos comentarios de apoio, os bos momentos compartidos...

É por iso que tamén neste ano queremos premiar aos lectores máis activos de cada categoría (adulto e infantil) cun lote de libros para comezar o 2013 coas mellores lecturas. Agardamos que vos gusten!

Estes son os mellores lectores de 2012 na categoría de Adulto:

    Alba González Correa
    José María Freijo Mariño
    Fernando Iglesias Millos
    Ana María Álvarez Franco
    María del Carmen Rodríguez Seijo

E agora os mellores lectores na categoría Infantil:

    Breixo e Uxía Merino Gómez
    Valentina Longueira Pizzuto
    Ismael Osa Iglesias
    Michelle Bastos Beceiro
    Iria Comesaña Villar


De novo, moitas grazas a todos por estes fantásticos 12 meses, sen vós a biblioteca non sería o que é.

Feliz Aninovo a todos!

jueves, 27 de diciembre de 2012

Os c@ntos do Bardo Abelardo

O Bardo Abelardo, acompañado da súa inseparable concertina, visitou  na tarde do xoves unha vez máis a Biblioteca Neira Vilas grazas á colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
Vicentiño e as árbores da paz, a vella que tiña un can que durmía baixo o colchón ou o ratiño Federico foron algúns dos personaxes que nos acompañaron nesta ocasión e que fixeron as delicicas de grandes e pequenos, sempre coas cantigas de Abelardo para poñer ritmoa unha tarde chea de fantásticas historias!

Tedes todas as fotos do contacontos no álbum da biblioteca.


viernes, 21 de diciembre de 2012

Conto Viaxeiro

Na tarde de onte o Servizo de Normalización Lingüística convidou aos amigos de Polo Correo do Vento á Biblioteca Neira Vilas para colaborar na creación dun fantástico Conto Viaxeiro.

Así, o autor Quique Mauricio e o ilustrador Carlos Taboada contáronnos primeiro o conto do galo Manolo, namorado da pita Agapita. Mentres Quique contaba a historia, Carlos foi facendo un debuxo que resumía a fermosa historia de amor entre os dous protagonistas. 

Rematado o relato, propuxeron aos nenos participantes que os axudaran a elaborar unha historia, con todos os ingredientes que esta precisa (protagonistas, lugares, argumento...). Esta historia irase completando ao longo das distintas sesións do Conto Viaxeiro que ser van realizar en diferentes centros de Vigo. Na súa visita a Zamáns, decidírase xa que os protagonistas do novo conto serían o poliño Xoel e a raposa Lola, pero faltaban todavía moitas decisións que tomar. Así que por votación, chegamos á conclusión de que Xoel e Lola serían amigos, e que terían un inimigo común, un bebé malo malísimo chamado Izan. Carlos foinos guiando para que cada un fixese un retrato desta personaxe, axudándonos a conferirlle a expresión malvada que requería. Definidos os progagonistas e deseñado o antagonista, serán agora os nenos doutros centros os que vaian continuando a historia. Como rematará??

Para sabelo podedes seguir todo o proceso de creación, cos debuxos elaborados polos distintos participantes, na páxina web www.contoviaxeirovigo.com ou seguir o perfil de facebook Polo correo do vento.

Por suposto, tamén podedes deleitarvos coas instantáneas da sesión da biblioteca no noso Álbum de fotos.

jueves, 20 de diciembre de 2012

Encontros con escritores. Ledicia Costas

Esta semana os alumnos de 5º de primaria do CEIP Lope de Vega que visitaron a Biblioteca dentro dos nosos Programas Escolares tiveron o pracer de ter un encontro coa escritora Ledicia Costas, grazas á colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GALIX.

Tras coñecer o funcionamento da BPM Neira Vilas, Ledicia convidou aos rapaces a participar nun divertido obradoiro de escritura creativa baseado nos cadáveres exquisitos. Para quentar motores, cada un foise presentando ao resto, "trolas" polo medio incluídas, para despois, papel en man, ir plantexando unha serie de preguntas que o compañeiro tiña que contestar. Finalmente, Ledicia presentoulles as personaxes dunha historia, e entre todos foron axudándoa a caracterizalas: quen eran, onde vivían, a que se adicaban...

Resultou un encontro do máis interesante e enriquecedor, e non nos queda máis que agradecer a Ledicia e aos nenos do CEIP Lope de Vega a súa participación e entrega.
 
Podedes botar unha ollada ás fotos do encontro no Álbum da biblioteca.

 
Os libros de Ledicia Costas na Biblioteca Neira Vilas



martes, 18 de diciembre de 2012

Estoxo Intercultural. A nosa pegada. Impórtanos!

A Biblioteca Xosé Neira Vilas, en colaboración co Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade do Concello de Vigo participou o pasado luns 17 na campaña de sensibilización A Nosa Pegada Impórtanos! coa elaboración dun novo Estoxo Viaxeiro: o Estoxo Intercultural, preparado entre ambas institucións.

Esta nova maleta traballa ao redor de tres ideas principais: a pegada cultural, a pegada socioeconómica e a pegada ecolóxica. Igual que no resto dos nosos estoxos, sobre cada unha destas liñas de traballo pódense atopar na maleta diferentes libros, películas, fichas informativas...

A presentación do estoxo estivo ademais amenizada cunha sesión de contacontos da man de Bea Campos e David González, que con historias como a de Xaime e as Landras, Pequeno Azul e Pequeno Amarelo ou O pito da Ableira, reflexionaron sobre a nosa pegada no mundo.

Podedes ver todas as imaxes da presentación do estoxo no Álbum da Biblioteca.

O Estoxo Intercultural está xa dispoñible para o préstamo na biblioteca, de forma que calquera persoa que o desexe o pode levar para a casa.

domingo, 16 de diciembre de 2012

Entre arrolos e contiños. Decembro 2012


O sábado 15 tivemos a sorte de poder deleitarnos coa última sesión de Entre arrolos e contiños deste 2012, no que pais e pequenos puideron gozar dun momento de pracer, espertando xa dende ben cedo o interese pola literatura e a tradición oral.


De novo os contos de Bea e a música de David foron os compañeiros ideais da xornada, dende as andanzas da familia do Gorila de Anthony Browne, ata as andanzas dun oso fabuloso chamado Chispas ao que non lle gustaba ir á escola ata que descubriu todo o que alí podemos aprender. Tampouco faltaron os arrolos e as cancións, como o grande éxito Todo o mundo vai!

Todas as fotos da xornada, como sempre, no Álbum da biblioteca


Entre arrolos e contiños
Próxima sesión: sábado 19 de xaneiro ás 12.00h
*Inscrición a partir do 2 de xaneiro


viernes, 14 de diciembre de 2012

A hora dos contos. Decembro 2012

Aproxímase o Nadal e como non podía ser doutra forma na Hora dos Contos deste mes de decembro achegámonos a fermosas historias acontecidas nestas datas.
A casa da mosca chosca, a historia de Carmela ou o conto da avoa e o homiño de mazapán foron algúns dos relatos protagonistas desta sesión, na que Trini nos ensinou tamén o valor dos agasallos que soemos recibir nestes días. Contounos así unha nova historia, a de Macelino, que un Nadal recibiu por regalo un anaco de trapo, ao que en principio non lle tivo ningún aprecio, pero que despois aprendeu a apreciar polas múltiples opcións de xogo que lle ofrecía, converténdose finalmente nun dos seus xoguetes preferidos. Ou tamén a historia dun edredón, que paracía non ter nada de particular pero que resultou ser máxico e un fantástico tecedor de historias! 

Para rematar, animamos a todos os participantes a que nos axudaran a completar un novo capítulo do noso Diario da Hora dos Contos, con debuxos sobre todas as historias da sesión.

Como sempre, podedes ver os resultados no Álbum da biblioteca

A hora dos contos
Próxima sesión: venres 4 de xaneiro ás 18.00h

domingo, 2 de diciembre de 2012

O sabadiño do Roque. De viaxe por Galicia: Combarro


Como cada mes, o sábado pasado Roque, Andrea e Óscar volveron para pasar con nós outro fantástico Sabadiño do Roque.

Comezamos como sempre con dous contos: a vaca que puxo un ovo, un vello coñecido dos nenos da biblioteca, e a historia da ra á que lle encantaba a chuvia e as charcas, e que grazas ao seu paraugas vermello é quen de salvar aos seus amigos o coello, a mofeta e o tigre.

Despois apareceu Roque cunha maleta ás costas, decidido a marchar de viaxe xunto co seu avó Agustín, pero sen lembrarse que para as vacacións aínda quedan unhas semanas... E falando do avó, de novo Roque recibiu unha carta, nesta ocasión enviada dende Combarro, un dos pobos mariñeiros con máis encanto de toda Galicia.

Para rematar, e a petición dos rapaces asistentes, xogamos de novo ao lobo, e tamén ao escondite inglés, para finalizar a xornada cantando como sempre os parabéns a todos aqueles que durante o último mes cumprisen anos.

O sabadiño do Roque
Próxima sesión: 5 de xaneiro ás12.00h



Contos Dakí. Paula Carballeira


O pasado venres a biblioteca tivo unha nova cita cos Contos Dakí, que nesta ocasión viñeron da man da escritora e actriz Paula Carballeira.





Despois de presentarse "advertiunos" de que, estando xa preto do inverno, cando as noites son longas e frías, ía contarnos contos de medo, historias desas que nos xean o sangue e que nos deixan terribles imaxes gravadas para sempre no maxín.

E así foi, contos de medo tradicionais galegos, pero tamén doutros lugares do mundo, que se ben nos deixaron en ocasións cravados no sitio, non estiveron tampouco faltos de humor e retranca, conseguindo arrincar as gargalladas do numeroso público que veu a gozar coas historias desta fenomenal contacontos.

Contos Dakí
Próxima sesión: venres 28 de decembro ás 19.30h
Conta: Avelino González