miércoles, 19 de septiembre de 2012

Programa de actividades na biblioteca: outubro/decembro 2012

Presentámosvos a programación de actividades na Biblioteca Xosé Neira Vilas para o vindeiro trimestre, de outubro a decembro de 2012


Comeza o outono, e con el volvemos de novo á rutina, ao traballo, á escola... Para facervos esta volta máis levadeira, o outono na biliboteca ven cargadiño de actividades e novas propostas que agardamos sexan do voso interese.

Continuamos coa programación de actividades permanentes, como os Sabadiños do Roque, que este ano ven moi viaxeiro e a Hora dos Contos, que pasa para os xoves. Despois do éxito das sesións do curso pasado, volven tamén os Arrolos e contiños para os máis cativos e os Contos dakí para o público adulto.

Pero ademáis, organizaremos novas sesións de Achégate á internet e Achégate á internet: Procura de emprego, celebraremos do Día das Bibliotecas con Francisco Castro e aprenderemos todos os segredos da cerámica con Emilia Guimeráns. Todo isto acompañado das mostras Follas caídas e Xabarín 18.


Se con esta información conseguimos abrirvos o apetito, podedes consultar todo o programa con detalle no seguinte enlace:



Tamén podedes acceder á programación a través do menú "A programación do mes" ou na "Axenda de actividades" da biblioteca.

 

viernes, 14 de septiembre de 2012

Ampliación do servizo de préstamo. Revistas e videoxogos


Anunciámosvos que dende hoxe amplíase o servizo de préstamo ás revistas e videoxogos dispoñibles na biblioteca.


Publicacións periódicas (revistas)

No que se refire ás publicacións periódicas, estarán dispoñibles para o préstamo os números anteriores, mentres que o número vixente de cada título será só de consulta en sala.




Videoxogos

En canto aos videoxogos, cada usuario poderá levar só 1 exemplar en préstamo, dentro do máximo de tres documentos permitidos. Estarán dispoñibles todos os videoxogos das consolas Wii e Play Station, agás os sinalados cun punto vermello, que serán só de uso en sala.



Condicións do préstamo

Todos os materiais serán prestados por un prazo máximo de 15 días, sen posibilidade de ser renovados.

jueves, 13 de septiembre de 2012

O sabadiño do Roque. Os clásicos

O pasado sábado tivemos unha nova cita con Roque, Andrea e Óscar, que nos trouxeron desta vez unha boa enchenta de contos clásicos como os tres osiños, o Galo Quirico ou os tres porquiños , que fomos contando entre todos, pois son historias de sobra coñecidas, aínda que seguen gustándonos como o primeiro día!

Despois, xogamos todos a converternos nas casiñas dos tres porquiños, pero a cousa non quedou aí e, transformados en caixiñas máxicas, delas foron saíndo personaxes dos nosos contos preferidos: o lobo, un porco...

Non faltaron os xogos e as cancións, especialmente os "parabéns", para todos aqueles que estiveran de aniversario no último mes.


E para rematar, Roque adiantounos unha gran noticia: o seu avó, que é un grande aventureiro, anda de viaxe por Galicia e cada mes vai enviarlle unha carta contándolle os fantásticos lugares que visita, así que cada sabadiño do Roque poderemos ler as súas aventuras. Xunto a el viaxaremos por toda a xeografía galega, coa mochila cargada como sempre de contos, xogos e cantigas!

Lembrámosvos que a partir da agora para participar no Sabadiño do Roque é necesario inscribirse, e que podedes facelo a partir do día 15 de cada mes na propia biblioteca, no teléfono 986267759 ou a través do enderezo electrónico bpneiravilas@vigo.org

O sabadiño do Roque.
Próxima sesión: 6 de outubro