martes, 31 de julio de 2012

Agosto 2012. Un verán de experiencias

Comeza o mes de agosto e na biblioteca ofrecémosvos as novas actividades previstas para este mes.

Ao longo dos catro martes de agosto organizamos o taller para nenos Achégate á astronomía, no que aproximaremos aos rapaces ao fascinante mundo das estrelas e o universo, e no que aprenderemos todo o necesario para convertirnos en austronautas de primeira. Tal e como vos anunciamos no boletín do mes pasado, esta actividade requería inscrición e as prazas están xa cubertas!
O día 11 teremos un novo Sabadiño do Roque, coa novidade de que para esta sesión tamén será necesario inscribirse. Podedes facelo ata o venres 10 a través dos medios habituais.
Continuamos ofrecendo as nosas Guías de Lectura, cunha selección dos mellores libros para todas as idades para pasar un verán de fábula, e continúa a mostra A volta ao mundo en 80 guías, cunha selección do fondo bibliográfico do centro de interese “Viaxes”.
Aproveitamos a ocasión para anunciarvos que o día 15 de agosto comeza o prazo de inscrición para a vindeira edición de Achégate á internet, que se celebrará en setembro e que nesta ocasión consistirá nun monográfico adicado á busca de emprego. 
Podedes consultar a información detallada de todas as actividades no menú da dereita do blog, no apartado A programación do mes, ou no seguinte enlace:

lunes, 30 de julio de 2012

Achégate á pintura con... Din Matamoro


O pasado xoves remataron na biblioteca os obradoiros Achégate á pintura con... Din Matamoro, que ao longo de catro sesións achegou aos nenos que participaron ao fantástico mundo das artes plásticas.

Da man do prestixioso Din, os nenos foron experimentando distintas formas de aproximarse á pintura, fuxindo de convencionalismos, para o cal partiron cada día dunha temática diferente. Así, na primeira xornada a proposta foi crear distintas imaxes (froitas, paisaxes) pero fuxindo da liña e o debuxo, e dando forma aos obxectos a partir de masas de cor. 

Na segunda xornada tocou enfrontarnos ao xénero do retrato, pero cun condicionante: cada neno tiña que lanzar dous dados con distintas cores, de forma que ese día só podía usar as que por azar lle tocaban, fomentando así a súa creatividade e imaxinación.

A terceira sesión foi de creación colectiva, e entre todos pintaron varios murais, partindo das liñas curvas que foron deixando na cartolina uns cordóns de zapatos, ás que foron dando forma e e engadindo cor para crear unhas composicións abstractas do máis suxerentes.

Por último, o cuarto obradoiro xirou ao redor do mundo animal. Din amosoulle aos nenos que podemos crear animais de maneiras moi distintas: con formas realistas, pero tamén a partir de círculos, cadrados... Cada un fixo o animal que máis lle gustaba, e con todos eles creamos de novo un mural tridimensional moi orixinal.

Os talleres foron tremendamente productivos, e coidamos que Din conseguiu espertar en cada neno o pequeno artista que leva dentro, animándoo a usar a súa imaxinación e a experimentar coas formas, cores e materiais. Os resultados foron do máis creativo, e para mostra a galería de fotos que podedes consultar no Álbum da biblioteca. Non a podedes perder!


martes, 10 de julio de 2012

O sabadiño do Roque. As vacacións

 
Xa estamos de vacacións, pero Roque vai seguir visitándonos todos os meses en verán, e o pasado sábado veu á biblioteca a falarnos das vacacións, coma sempre acompañado de Andrea e Óscar.



Achegámonos a fantásticas historias, como a do rato de campo e o rato de cidade, que despois de estar de vacacións na casa do outro decátanse de que por moi ben que se estea de viaxe non hai lugar mellor que a casa dun. Tamén escoitamos historias de princesas, chepudos e meigas, para pasar despois a contar (e ilustrar) cada un dos participantes que lle gustaría facer nas súas vacacións. Podedes ver os seus estupendos plans no Álbum de fotos da biblioteca!

Por suposto, non faltaron as cancións de benvida e os parabéns para os que estaban de aniversario...

Non nos queda máis que convidarvos á próxima sesión, o sábado 11 de agosto, lembrándovos que para participar na mesma será necesario inscribirse primeiro. Podedes facelo a partir do 15 de xullo de forma presencial na biblioteca, ou a través do teléfono 986 26 77 59 ou o enderezo electrónico bpneiravilas@vigo.org

Agardámosvos!

miércoles, 4 de julio de 2012

Feira do Libro 2012

Lembrámosvos que ata o vindeiro domingo 8 de xullo a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas e a Biblioteca Central de Vigo estarán presentes na Feira do Libro de Vigo a través dunha caseta,  na que poderedes facervos socios da biblioteca, consultar as nosas novidades ou informarvos dos nosos servizos e o noso completo programa de actividades para este verán.

Agardámosvos!

Entre arrolos e contiños


Como broche á programación do mes de xuño, o sábado os máis cativiños da casa puideron volver a gozar Entre arrolos e contiños.

Bea Campos regresou á biblioteca cargada de fermosos contos como o da eiruga larpeira, a paxariña de papel ou a ratiña fachendosa, acompañados da música do acordeón e a frauta "atravesada".

Houbo tamén tempo para as cancións e os xogos populares, como o de palama repalma, cos que pais e fillos puideron compartir este tempo de lecer nesta animada mañá de sábado.

Podedes ver todas as fotos da xornada no Álbum da biblioteca.

Contos Dakí

O pasado venres celebramos a última das sesións de Contos Dakí, a cargo de Celso Sanmartín, que unha vez máis volveu a deleitarnos coas súas historias cheas de humor e de retranca, protagonizadas por todo tipo de personaxes.

Unha a unha foron arrincando o sorriso, e as gargalladas, dun público completamente entregado á forma con que este xenial contador foi relatando cada conto, cada anécdota.