viernes, 29 de junio de 2012

Programación Xullo. Un verán de experiencias


Achegámosvos a programación de xullo na Biblioteca, que comeza coa mostra A volta ao mundo en 80 guías, na que se exporá unha selección do fondo bibliográfico do centro de interese “Viaxes” e onde atoparemos guías de distintos países e cidades, guías de conversa, libros con rutas lendarias...

Pero ademais, Din Matamoro, un dos artistas plásticos galegos de máis renome, aproximará aos máis pequenos ao mundo das artes a través dos obradoiros Achégate á pintura. Contaremos tamén coa visita de Roque, que ao longo do verán seguirá visitándonos un sábado ao mes, e presentamos así mesmo as nosas Guías de Lectura, cunha selección dos mellores libros para todas as idades para pasar un verán de fábula.

Para rematar, só nos queda anunciarvos que a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas, xunto coa Biblioteca Central, estará presente na Feira do Libro, que se celebra na Praza de Compostela ata o vindeiro domingo 8 de xullo.

Podedes consultar a información detallada de todas as actividades no seguinte enlace:

lunes, 25 de junio de 2012

Da palabra ao fotograma. Contos de cine

Dentro da mostra bibliográfica Da palabra ao fotograma, na que relacionamos cinema e literatura, o pasado sábado Bea Campos ofreceunos o obradoiro Contos de Cine.

A partir do conto de Daniela Kulot, no que Xirafa e Crocodilo van ao cine xuntos, fomos visionando algunhas esceas das películas máis coñecidas de Charles Chaplin, que arrincaron gargalladas a nenos e maiores, ao tempo que fomos escoitando outros contos que nos foron levando a novas películas. 
 
Gozamos así con historias como a dos Tres bandidos ou o Gato lambón e con escenas da Quimera de ouro, O gran dictador ou O chico... coas que ademais aprendimos como se traballaba na época do cine mudo, no que a música e a expresións e xestualidade dos actores tiña gran importancia, tal e como nos amosou Bea, que fixo gala ao longo da sesión desta forma de contar historias.

Podedes ver todas as fotos da xornada, como sempre, no Álbum da biblioteca.


viernes, 22 de junio de 2012

Club de Lectura

Onte celebramos na biblioteca a última sesión do Club de lectura deste curso. Ao longo do ano as socias do mesmo compartiron xunto con Marila as lecturas que lles íamos propoñendo, e xuntas compartiron as súas  miradas ao redor das obras, os seus pareceres e puntos de vista, cos que todas se foron enriquecendo. 

Foron creando un grupo heteroxéneo pero harmónico e cheo de complicidades, que dúas veces ao mes se reunía na biblioteca para, a partir do libro que estaban a ler, falar das súas reflexións sobre as distintas temáticas tratadas: a situación da muller ao longo da historia, os desexos e inquietudes do ser humano, o amor e desamor, a historia recente de Oriente Medio... todo elo a través de distintos xéneros e grandes nomes da litetura como Ana María Matute, Paul Auster, Natalia Ginzburg, Fred Vargas, Marjane Satrapi ou Henning Mankell.

A final de curso tivemos a fortuna de contar coa presenza de Teresa Moure, autora de Herba moura, unha das últimas lecturas do club. Con ela puideron debatir as súas visións sobre a obra e tiveron a oportunidade de escoitar de primeira man as reflexións da propia autora sobre a novela. Foi un verdadeiro pracer a súa visita, e dende aquí amosámoslle o noso máis sincero agradecemento.

Ao longo de todo o ano, todas as participantes fixeron destas reunións moito máis que un club de lectura, polo que dende a biblioteca queremos agradecerlles especialmente a elas a súa participación, dedicación e traballo.

Non nos queda máis que animarvos a ver as fotos colgadas no álbum da biblioteca que fomos tomando dalgunhas das súas reunións, e convidarvos a participar no club a próxima tempada.

martes, 19 de junio de 2012

Programación trimestral. Xullo - Setembro 2012

Presentámosvos a programación da Biblioteca Xosé Neira Vilas para os meses de verán, que comezamos cunha mostra de libros de viaxes e guías coas que percorrer o mundo.
Do 29 de xuño ao 8 de agosto estaremos presentes na Feira do Libro de Vigo, e na propia biblioteca seguiremos contando nas vacacións co Sabadiño do Roque, que nos visitará unha vez ao mes. Tamén organizamos novas actividades formativas: en xullo Din Matamoros achegará aos rapaces ao mundo da pintura, mentres que en agosto tocará aproximarnos ao fascinante universo e á astronomía.
Xa en setembro poremos novamente en marcha os nosos cursos de formación de usuarios cunha nova edición de Achégate a Internet, desta volta centrado na procura de emprego.


Podedes consultar toda a programación no seguinte enlace:


lunes, 18 de junio de 2012

Estoxo xitano

O pasado día 13, coa colaboración da Fundación do Secretariado Xitano presentamos o último estoxo deste curso, que nesta ocasión nn nos achegou a un país concreto, senón á cultura e tradicións do pobo xitano, espallado por todo o mundo e con grande presenza non noso país.
 
Así comezamos achegándonos a elementos básicos da tradición xitana, como a bandeira, o himno, os traballos tradicionais... A continuación, para os máis pequenos, presentamos o conto de Lucinda y el inspector vinagre, e propuxemos un xogo no que os participantes tiñan que ir recoñecendo sons propios da cultura xitana: uns tacóns, unha guitarra, unhas palmas...

A gastronomía tamén tiña cabida neste estoxo, e tres mulleres da asociación presentáronnos receitas propias dos xitanos españois, portugueses e rumanos. Para rematar a festa, e antes da degustación destas deliciosas receitas, un pouco de música da man dos membros máis novos da Fundación Secretariado Xitano.

Non tedes máis que ver as fotos colgadas no Álbum da biblioteca para facervos unha idea...


O estoxo xa está dispoñible para o préstamo, e animámosvos a que o levedes para casa para gozar de todo o seu contido!

A hora dos contos. O Mar

O sábado Trini amenizou a nosa última Hora dos Contos do curso, que en pleno mes de xuño nos achegou ao refrescante mar. 

Así, viaxamos ata as Illas Cíes e coñecimos o seu máxico segredo; e escoitamso tamén a historia do peixe Tomás, que tiña moito medo á escuridade do abismo do mar, pero que logrou superar grazas aos seus soños. 


Despois convertémonos en Piratas dos Contos, e tivemos que buscar tres incribles tesouros agochados na biblioteca, que como bos compañeiros compartimos entre todos.

 
Para rematar, como sempre, limos os últimos traballos dos nosos diarios de lecturas, que deixaremos descansar durante as vacacións de verán!!

Só nos queda darvos as grazas a todos os nenos e nenas (e papás e mamás) que nos acompañastes estes 9 meses neste fabuloso miniclub de lectura da Biblioteca Xosé Neira Vilas. 

lunes, 11 de junio de 2012

Estoxos viaxeiros. México

 O pasado sábado presentamos un novo estoxo viaxeiro, co que rematamos o noso periplo coñecendo novos países e culturas ao redor do mundo. E que mellor destino para rematar que México

Achegámonos así, da man de Mariana, ás orixes da cultura de México viaxando a través do tempo ata o Imperio Maya, do que todavía hoxe se conservan impresionantes restos arquitectónicos que quitan o alento a calquera que teña a sorte de visitalos. 

Tamén nos acercamos ata La Quebrada, en Acapulco, famosa polos incribles saltos ao mar dende os seus acantilados, a máis de 35m. de altura. No noso percorrido polo país fomos coñecendo diferentes pobos e culturas, e por suposto o seu importantísimo patrimonio natural, que asociacións como Fundación Selva Negra, do grupo de música Maná, trata de preservar.

Xogamos a xogos tradicionales, como o de poñer o rabo ao burro, e por suposto rematamos a xornada degustando ricos nachos mexicanos con salsa guacamole, entre outras!


Para rematar, non queremos deixar de convidarvos este vindeiro mércores á presentación do noso derradeiro estoxo, que neste caso non nos achega a un país concreto, senón á cultura e tradicións do pobo xitano, espallado por toda o mundo e con grande presenza non noso país.

Estoxo xitano. Mércores 13 de xuño ás 18.00h. Coa colaboración da Fundación Secretariado Gitano

Da palabra ao fotograma. Obradoiro de cinema: Stop Motion

Dentro da mostra bibliográfica Da palabra ao fotograma que se expón ao longo do mes de xuño na biblioteca, o pasado venres organizamos un obradoiro de cinema no que os participantes puideron achegarse ás claves para montar unha película de animación coa técnica Stop motion

A partir do relato Bolboretas, de Xabier P. Docampo, os asistentes ao taller tiveron que traballar no guión e o storyboard, crear aos personaxes protagonistas e ir fotografando cada un dos seus movementos para crear esta historia na que dous mozos comparten a emoción do primeiro bico. Para logralo, tiveron que realizar dez fotografías por cada segundo de película, un traballo realmente laborioso e minucioso que pon en valor o esforzo que supoñen este tipo de animacións.

Agardamos poder ver o resultado de tanto traballo moi pronto, pero mentres, podedes gozar coas fotos da sesión colgadas no Álbum da biblioteca.

lunes, 4 de junio de 2012

O sabadiño do Roque. A ilustración: a pintar!


O pasado sábado Andrea, Óscar e Roque viñeron á biblioteca para falarnos dos ilustradores, que fan os debuxos  que tanto nos gustan nos nosos contos preferidos. Así, as historias que nos contaron xiraban ao redor do tema, e deste modo achegámonos aos debuxos do pesadelo dun pequeno monstro que soña que é humano, tamén ao Soño de Matías, un pequeno ratiño que arela ser pintor, e fomos xunto con Moncho en busca da súa misteriosa mancha...

A Roque, ao que lle encanta pintar, gustoulle tanto a historia de Moncho que el tamén quixo crear a súa propia obra de arte a partires dunha manchiña, e despois de varios debuxos, a cada cal máis creativo, convidou aos nenos a que fixeran o mesmo, así que repartimos manchas entre todos e puidemos comprobar que os nosos pequenos non se quedaron atrás en imaxinación e foron dándolle forma á súas manchiñas para formar monstros, flores, botas, camisetas, microbios...

Para rematar a sesión, felicitamos como cada mes aos nenos que estiveran de aniversario en maio, e despedímonos cunha canción con coreografía incluída!

viernes, 1 de junio de 2012

Programación Xuño 2012. Un mes de cine

Achegámosvos a programación de xuño na Biblioteca, que comeza coa mostra bibliográfica Da palabra ao fotograma: ao longo de todo o mes poderemos ver e curiosear obras literarias que sufriron unha transposición fílmica e viceversa, películas que logo foron levadas ao papel. A mostra completarase con obradoiros para nenos e para adultos ao redor do mundo do cinema. 
 Pero ademais, volverá a visitarnos Celso Sanmartín cos seus Contos Dakí e Bea Campos regresará entre arrolos e contiños para facer as delicias dos máis pequenos, sen esquecernos das nosas actividades permanetes, que continúan no mes de xuño: o sabadiño do Roque, os Estoxos viaxeiros e a Hora dos contos.



Podedes consultar a información detallada de todas as actividades no seguinte enlace:



Programación xuño 2012. Un mes de cine