lunes, 28 de mayo de 2012

Entre arrolos e contiños

Entre arrolos e contiños pasamos a mañá do sábado na Biblioteca. Da man de Bea Campos, nenos entre 1 e 3 anos acompañados dos seus pais, gozaron dos contos, as cancións e a música que amenizaron a xornada.

Con esta actividade nenos e pais compartiron un momento de pracer, lonxe do ruído e os quefaceres cotiás, espertando xa nos primeiros anos de vida dos cativos o interese pola literatura e a tradición oral a través de contos, cantigas e pequenos xogos.

Bea Campos volverá a visitar a bilioteca o vindeiro sábado 30 de xuño ás 12.00. Lembrade que polas características da actividade, dirixida a pequenos de entre 1 e 3 anos, é necesario reservar praza para participar na sesión. Podedes anotarvos a partir do vindeiro 1 de xuño na propia biblioteca, mandando un correo electrónico a bpneiravilas@vigo.org ou chamándonos ao teléfono 986267759.

Contos Dakí. Ciclo para adultos

O pasado venres Celso Sanmartín volveu visitar a biblioteca para traernos os seus contos e historias recopiladas por toda Galicia. 

Contos de curas e reis, de vivos e de mortos, de gatos e paxaros, contos de bares e tabernas... Todos eles contados coa retranca e fino humor que caracterizan a Celso, e que fixeron rir a gargalladas ao público asistente.






Próxima sesión: venres 29 de xuño ás 19.30h

jueves, 24 de mayo de 2012

Comunícate en público. Seduce coa voz

Na tarde de onte a actriz e presentadora Uxía Blanco ofreceu un obradoiro no que expuxo algunhas das claves para comunicarse en público e facelo con éxito: vencer o medo escénico, saber modular a voz, ordenar as mensaxes... 

Importante tamén é a nosa linguaxe non verbal, o que expresamos co corpo ou tamén cos nosos silencios ou pausas, ás veces tan importantes como as propias palabras.

A través de experiencias, xogos e sinxelos exercicios os asisntentes achegáronse a esta interesante temática, que pode resultar ademais de grande utilidade, especialmente na vida profesional.

lunes, 21 de mayo de 2012

A hora dos contos. As árbores

Como cada mes, o pasado sábado tivemos unha nova cita con Trini Puentes e a súa Hora dos Contos.

Nesta ocasión o tema que nos presentou foi o das árbores: falounos de moitas árbores distintas, da importancia que teñen nas nosas vidas, moi curtiñas ao lado das súas, e de como as árbores son xenerosas cos seres humanos, pois apórtannos osíxeno, froita que comer, sombra nos días calurosos...

Coñecimos a Wangari e as árbores da paz, un libro que nos conta a historia de Wangari, que dende a súa pequena aldea de Kenia logrou a reforestación dunha zona de Áfrinca moi fértil pero moi devastada, tarefa na que foi implicando cada vez a máis mulleres como ela. O seu empeño a súa loita pacífica por recuperar a natureza fixeron a Wangari Maathai merecedora do premio Nobel da Paz.

Tamén escoitamos a historia de Don Freixo e o pardal, co que nos achegamos a distintos instrumentos  musicais de vento-madeira, como son as frautas. E entre todos construímos unha árbore que en cada unha das súas follas alberga un desexo ou un pensamento dos que compartiron con nós esta fantástica mañá de contos e natureza.

Para rematar, como sempre, repasamos as libretas dos membros do noso "miniclub", e Trini repartiu a todos os asistentes un sobre con sementes de camelia, para que os nenos poidan plantala, coidala e vela medrar.

Día das Letras Galegas. Valentín Paz Andrade


A semana pasada na Biblioteca sumámonos ás celebración do Día das Letras Galegas, que este ano conmemora a figura de Valentín Paz Andrade. 

Xa dende comezos de mes na biblioteca ofrecemos unha mostra bibliográfica ao redor de Paz Andrade, completada cunha serie de paneis informativos que nos achegan á vida e obra do homenaxeado.

Pero na semana grande das Letras Galegas quixemos dar a coñecer mellor a figura deste gran personaxe da nosa cultura, fe forma que organizamos dúas actividades, unha dirixida ao público adulto e outra para os máis pequenos.

Así, o mércores 16,  a Compañía Fulano, Mengano e Citano presentounos un espectáculo no que a través da teatralización de diversos momentos da vida de Paz Andrade coñecimos de forma amena e chea de humor a personalidade, a obra e a realidade social e política nas que viviu Valentín.
 
Pola súa banda, o venres 18, foron os máis pequenos da casa os que tiveron a oportunidade de achegarse á súa figura, da man do Rato Comeletras, que visitou de novo a Biblioteca xunto con Duli e Toa para falarnos de Valentín. 
Soubemos así que gran parte da súa vida colaborou en distintos xornais, así que durante o tempo que durou o obradoiro os participantes convertéronse, como Valentín, en verdadeiros periodistas, e entre todos elaboraron un xornal sobre a súa vida.



Como sempre, podedes consultar as fotos das actividades no "Álbum da biblioteca"

lunes, 14 de mayo de 2012

Estoxos viaxeiros. Estados Unidos

O pasado sábado presentamos na biblioteca un novo Estoxo Viaxeiro que nos levou directos aos Estados Unidos de América.

Xunto con Zhandra fomos de xira  polos Estados Unidos seguindo ademáis algúns dos seus cantantes e grupos musicais máis emblemáticos. 

Así visitamos Nova York da man do gran Frank Sinatra, Atlanta cos Blues Brothers, Nova Orleans acompañados da princesa Tiana, Seattle con Nirvana de fondo, Las Vegas movendo as cadeiras ao ritmo de Elvis, e moitos máis...

Achegámonos á variada cultura estadounidense, ás súas xentes e etnias; bailamos o hula, a danza tradicional de Hawai e convertémonos por un momento en auténticos xefes indios.

Para rematar, como con cada estoxo, nada mellor que achegarnos á gastronomía do país, degustando unhas deliciosas galletas e brownies de chocolate!


Estoxos Viaxeiros. Próximos Destinos
México. 9 de xuño ás 12.00h
Pobo Xitano. 13 de xuño ás 18.00h

jueves, 10 de mayo de 2012

Día das Letras Galegas. Valentín Paz Andrade

Ao longo do mes de maio celebramos na biblioteca Xosé Neira Vilas unha serie de accións encamiñadas a conmemorar o Día das Letras Galegas e a difundir a vida e a obra do homenaxeado en 2012: Valentín Paz Andrade.

Ao longo de todo o mes exhíbese a mostra bibliográfica  que agora presentamos, e que nos achegará unha escolma da bibliografía publicada ao redor do autor. 

Esta escolma está acompañada de 13 carteis que de forma sinxela e amena nos presentan a vida e obra de Paz Andrade, de forma que  se favorece un mellor achegamento á súa figura. Toda a información dos paneis está así mesmo dispoñible no seguinte enlace:



 

Para completar o ciclo de actividades ao redor das Letras Galegas, organizamos dúas actividades, unha para público adulto e outra para público infantil, que nos ofrecerán unha visión máis lúdica de Valentín Paz Andrade:


Acto conmemorativo
Mércores 16 de maio de 2012 ás 19.00
Espectáculo para público adulto

A compañía teatral Fulano Mengano e Citano dará a coñecer a figura de Valentín Paz Andrade a través dos seus textos, facendo lecturas dalgúns deles, teatralizando outros. Así mesmo achegarannos á súa persoa contando detalles da súa vida, do seu traballo e dos seus amigos.
Unha maneira divertida e amena de coñecer ao homenaxeado deste ano do Día das Letras Galegas.

O comeletras
Venres 18 de maio de 2012 ás 18,00h. 
Obradoiro para público infantil (de 3 a 10 anos) 

O rato Comeletras visitará novamente a biblioteca, nesta ocasión para achegarnos a figura de Paz Andrade: quen foi, que fixo, onde viviu... Faremos esta aproximación a partir dunha das súas principais facetas, a de colaborador en diferentes xornais. Entre todos os participantes elaborarase un xornal baseándose na súa figura, traballando distintos momentos da súa vida e das súas obras. E algunha sorpresa máis...

lunes, 7 de mayo de 2012

O sabadiño do Roque: Que medo!!!!!!






O sábado tivemos con nós a Roque e os seus amigos, Andrea e Óscar. Entre os tres deleitáronnos cunha sesión chea de meeeeeedo. Os rapaces que asistiron á sesión pasaron un momentiño de "medo" cando Andrea contou o conto dos sete cabritiños, e de seguido faloulle do home do saco, entre outros contos "terroríficos".

Despois da sesión da lectura dos contos, cada neno interpretou a un animal e tamén  a un personaxe de conto.

Un pouco máis adiante chegou o momento máis esperado: a visita do Roque. Desta vez, Roque viña "mortiño" de medo. Contoulle os nenos da biblioteca que tiña moito medo por que lle dixeran que existía un dragón moi pero que moi grande que vive no Calvario e que tiña aterrorizados a moitos nenos...

Todos os nenos quedaron encantados coa sesión de hoxe do Roque e esperan ansiosos a nova visita que será o día 2 de xuño.....A sesión terá como título : A pintar!!!!!!

miércoles, 2 de mayo de 2012

A hora dos contos: Vivir a Poesía


O sábado día 28, tivemos unha nova sesión de "A hora dos contos". Neste mes tocou como tema a poesía. Trini Puentes desenvolveu neste día unha actividade de animación chea, chea de poesía. Comenzou coa historia de Amanda, unha pequena rapaza que lle gusta moito a poesía. Ela mira o mundo dun xeito diferente e crea palabras para poder darlle voltas a súa imaxinación. 

Logo continuou con poemas de Rosalía de Castro para reflectir entre os nenos e nenas que asistiron á sesión, a sonoridade que teñen os poemas e así ouideron aprender un poema da escritora galega.

Tamén Trini, leu en primicia un poema feito por ela mesma e ao final entregoulle a cada neno unha pequena libretiña para poder escribir os poemas que eles fagan: 

"Para ser bo poeta hai que levar sempre unha libreta".

Para rematar a sesión deste mes, Trini repasou xunto a todos os nenos e nenas os Diarios de Lecturas, onde cada un plasmou un planeta creado por eles mesmos. 

Recordade que na próxima visita, Trini e A hora dos contos tratará o tema das árbores.