sábado, 28 de abril de 2012

Encontros cos escritores :Por que me gusta ler? Xabier P. Docampo







O mércores día 25 de abril a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas engalanouse para recibir a visita do escritor de literatura infantil e xuvenil Xabier P. Docampo.

Enmarcada a súa visita dentro do noso programa de animación á lectura Por que me gusta ler? Encontros cos escritores, máis de 70 rapaces e rapazas dos colexios do Pombal e da Doblada disfrutaron das súas explicacións de por que lle gusta ler e fixéronlle moitas preguntas sobre a súa experiencia de escritor de literatura xuvenil en lingua galega. 

Ao remate do encontro, Xabier P. Docampo deleitou os nenos que asistiron á biblioteca cunha historia fermosa, na que a súa protagonista Aurora tiña un desexo especial : ter unha boneca. Coa gran maestría do escritor os nenos puideron comprobar a beleza dun conto tan ben contado.

Contos Dakí: Día Internacional do Libro 2012





O luns ás 19.30 Celso Sanmartín con Contos Dakí deleitou o numeroso público adulto que se achegou á biblioteca para celebrar o Día Internacional do Libro. 

Os contos de Celso que estiveron cheos de acontecimentos e aventuras de animais como lobos, raposos e incluso de porcos, fixeron rir  a gargalladas ao público. Tamén contou aventuras e  peripecias das xentes de Lalín, protagonistas sempre dos seus contos. Protagonistas que viven en lugares moi pequenos de Galicia e que teñen moitos contos que contar aos demais e que Celso foi recollendo ao longo da súa carreira profesional. Todo, mezclado cunha gran retranca galega, fixo que o público asistente saíra encantado da sesión
Recordade que Celso volverá a visitarnos o día 25 de maio ás 19.30

jueves, 19 de abril de 2012

Un oasis na cidade: a Biblioteca Xosé Neira Vilas


Convidámosvos a ler este artigo de Carmen Pérez Pais, profesora na Universidade da Coruña, publicado hoxe, 19 de abril de 2012, no xornal Faro de Vigo. 

Podedes consultar toda a nova no seguinte enlace:

miércoles, 18 de abril de 2012

Por que me gusta ler? Encontro con Antonio García Teijeiro

Dende a Biblioteca comunicamos que o encontro con Antonio García Teijeiro enmarcado dentro das xornadas Por que me gusta ler? previsto para o día de hoxe ás 18.00h queda aprazado por motivos de saúde do autor

En próximas datas comunicaremos a fecha na que finalmente terá lugar a visita de García Teijeiro á Biblioteca Xosé Neira Vilas.

Libros electrónicos: eBooks e eReaders


Na tarde de onte José Ramón Ruiz de Ocenda presentou na biblioteca a charla-coloquio “Libros electrónicos: eBooks e eReaders”, na que aproximou a unha interesada audiencia ao mundo do libro electrónico, amosando a súa utilidade e sinxeleza de manexo, que fai deles unha ferramenta de uso común para usuarios de calquera nivel de coñecementos. 

 


Comentáronse as súas vantaxes e os seus inconvenientes, e explicáronse os diferentes dispositivos que poden servir de soporte ao libro electrónico, como as tabletas ou os e-readers de tinta electrónica, as súas funcións, características ou compatibilidades, amosando aos asistentes diferentes modelos que puideron ao final manipular para familiarizarse cos mesmos.

 

Na segunda parte da charla, Diego Rosales presentou un proxecto pioneiro en Galicia de uso dos libros electrónicos no ámbito educativo, que consiguen reducir de forma importante o peso das mochilas dos rapaces, o custo do material escolar e que proporcionan novas ferramentas para o ensino.

martes, 17 de abril de 2012

Estoxos Viaxeiros. Venezuela

O pasado sábado o noso Estoxo Viaxieiro trasladounos a Venezuela, onde contamos cunha guía de excepción: Zhandra.

Xunto a ela percorrimos a xeografía do país, pasando por Maracaibo ou Salto Ángel, coas súas fermosas paisaxes e a súa riqueza natural. Fomos tamén coñecendo as diferentes etnias e pobos que conviven en Venezuela, dende os indíxenas ata as colonias alemás, e achegámonos aos seus costumes e a súa cultura.

Puxémonos na pel do famoso pirata Morgan, construíndo os nosos propios gorros e parches piratas, e rematamos a festa coa celebración dun aniversario á venezolana: con ponche, xelatina, unha enorme tarta e unha piñata chea de regalos para todos!

Podedes gozar con todas as fotos da xornada no Álbum da biblioteca.



Próximo destino: 
Estados Unidos (12 de maio)

Presentación do novo libro de Xosé Neira Vilas


O pasado 11 de abril Xosé Neira Vilas volveu a reencontrarse coa biblioteca que leva o seu nome para presentar a súa última novela: Esperando o leiteiro, que nos presenta a historia dun mozo campesiño que a mediados do século XX vai emigrar a Buenos Aires. Coa maleta ao lombo, camiña sete quilómetros; perdeu o coche de liña e confía en que o leve o camión que recolle o leite. Mentres agarda a chegada do leiteiro, o mozo fai un reconto da súa vida, cos seus traballos, xogos, amores, miserias e soños. Xosé Neira Vilas escribe un intenso monólogo interior que non cesa ata que, por fin, o protagonista emprende o camiño.

Nesta presentación, á que acudiu máis dun centenar de persoas, Neira Vilas estivo acompañado pola Concelleira de Cultura, Isaura Abelairas, e polo director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, que fixo un percorrido pola obra literaria do escritor, repasando as claves da súa narrativa.

A actriz Uxía Blanco, tamén presente no acto, quixo así mesmo facer a súa homenaxe ao autor, interpretando dous fragmentos de Esperando o leiteiro.

Finalmente, Neira Vilas recordou tamén parte da súa traxectoria, os motivos que o levaron a escribir as súas novelas e a importancia da emigración en América, lembrando os anos alí pasados xunto a  tantos outros nomes destacados da literatura e cultura galegas. Todo isto entre divertidas anécdotas, recollidas algunhas  neste último traballo no que dalgunha maneira conflúen todas as obras do autor.




Máis imaxes do acto no Álbum da Biblioteca.

Por que me gusta ler? Encontro con Fina Casalderrey


Dentro do programa Por que me gusta ler? Encontros con escritores, o pasado 11 de abril visitou a Biblioteca Fina Casalderrey, unha das autoras galegas máis destacadas da literatura infantil e xuvenil.
Foron os nenos de 5º de primaria do CEIP Pombal os que tiveron a oportunidade de poder escoitar, atentísimos, todo o que Fina lles contaba e, entre anécdota e anécdota, descubrir por que a esta excelente escritora lle gusta ler e por suposto por que lle gusta escribir historias. Pois simplemente porque, usando as súas palabras, podemos vivir sen amigos, sen chocolate e sen libros, pero a vida non sería igual...

martes, 3 de abril de 2012

Retos para unha época. Os ilustradores galegos (1880-1936)

Con motivo da celebración no mes de abril do Día do Libro, a Biblioteca Xosé Neira Vilas presenta esta exposición, na que se exhibe unha compilación da obra gráfica dos/as ilustradores/as galegos/as dende 1880 ata 1936. O obxecto da mesma é dar a coñecer a importancia dos libros como soporte da actividade artística, así como valorar os distintos estilos que se dan cita en Galicia no período histórico sinalado.
Nas cubertas e páxinas interiores do libros que saen das editoriais e imprentas espalladas por Galicia recóllese a actividade de artistas tan recoñecidos como Maside, Seoane, Colmeiro, Castelao, Díaz Baliño, etc. E daqueles que aínda que no seu momento non viviron da súa arte, son hoxe merecentes de recoñecemento, como Ignacio Senra, Carmelo, Vidales Tomé ou Ramón Pernas.
A mostra inclúe tamén paneis adicados ás editoriais de referencia para o libro en Galicia, das que saen moitos dos libros desta exposición.
 
Retos para unha época. Os ilustradores galegos (1880-1936)
Do 2 ao 30 de abril de 2012 en horario de apertura da biblioteca

Día do Libro Infantil e Xuvenil

Onte celebrouse en todo o mundo o Día do Libro Infantil e Xuvenil, que conmemora o nacemento de Hans Christian Andersen. Dende a biblioteca unímonos a este fantástico festexo e convidamos de novo a Comeletras, que trouxo consigo ás súas amigas Duli e Cris.

Da súa man achegámonos a algunhas das historias máis coñecidas do escritor danés, como a Sereíña, o parrulo feo, o soldadiño de chumbo ou a princesa e a ervella. 

Despois, por grupos, os nenos participantes tiveron que ir completando as distintas historias para construir tres contos, a cada cal máis fermoso e orixinal. Podedes comprobalo nas imaxes colgadas no Álbum da biblioteca.

O sabadiño do Roque. As cores

Despois de moito tempo sen velo, o pasado sábado Roque voltou á biblioteca acompañado de Andrea e Óscar para falarnos das cores, que tanto abundan agora que chegou por fin a primavera.



Así, fomos escoitando as aventuras de pequeno azul e pequeno amarelo, que tras fundirse nun forte abrazo convértense en pequeno verde; tamén os feitizos da bruxa Mimí e os cambios de cores do seu pobre gato Xeremías, e por último a entrañable historia de Elmer, un elefante que se distingue dos demais por ser multicolor.

Despois de todos estes contos, e de falar con Roque, todos os participantes puideron crear os seus propios Elmer, que quedaron decorando o taboleiro do espazo infantil.

Para rematar, como sempre, felicitamos a todos os que estiveron de aniversario no mes e despedímonos de Roque ata o mes de abril.

Tedes todas as fotos no Álbum da biblioteca!

O sabadiño do Roque
Próxima sesión: 21 de abril. Imos contar mentiras