martes, 27 de marzo de 2012

Obradoiro de banda deseñada


Os pasados 21, 22 e 23 de marzo levamos a cabo na biblioteca un obradoiro de creación de cómic, impartido polo debuxante galego Fran Bueno, que actualmente traballa para a editora americana Image.

Ao longo destas tres sesións, e durante un total de seis horas, os participantes no taller achegáronse ás claves básicas para crear unha historieta: dende a creación do guión, non moi distinto dun cinematográfico, ata a súa plasmación na páxina dun cómic: viñetación, debuxo, entintado, coloreado, rotulación... Comprobamos así que cada un dos pasos ten un importante papel á hora de conseguir que unha historia funcione.

Rematada a teoría os alumnos tiveron ocasión de poñer en práctica o aprendido, e durante o resto de sesións foron creando - guiados por Fran Bueno -  a súa propia historia.




Podedes gozar co resultado deste interesante obradoiro no Álbum de fotos da biblioteca.

Obradoiro de Poesía

O sábado 24 a biblioteca cumpriu un ano, e para celebralo, e de paso poñer a guinda á semana adicada á poesía, organizamos un obradoiro para os nosos usuarios máis pequenos. Nesta ocasión visitounos o Rato Comeletras, que vive dentro dos libros da biblioteca e se alimenta das súas palabras. Acompañouno o seu amigo Frederick, un rato poeta que ao longo do ano recolle os momentos máis felices para logo pasar o longo inverno: os raios de sol, as cores, fermosas historias...


Coñecidos os nosos amigos, entre todos realizamos un Comeletras xigante, cheíño de palabras, ao que cada un dos participantes puido poñer a súa cara! 


Podedes consultar todas as fotos do obradoiro no Álbum da Biblioteca.


E aproveitamos a ocasión para informarvos de que o vindeiro luns 2 de abril o Rato Comeletras volverá a visitar a biblioteca para celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil.

Día da Poesía

O pasado mércores celebramos na biblioteca o  Día da Poesía, que se conmemora cada ano o 21 de marzo. Así, ao longo de toda a semana convidámosvos a que nos axudarades a encher a biblioteca cos vosos versos e poemas preferidos.

Amosámosvos nesta imaxe o resultado da vosa colaboración. 

Moitas grazas a todos os que participastes por axudarnos a facer da biblioteca un lugar cheo de poesía!

sábado, 24 de marzo de 2012

A Biblioteca Xosé Neira Vilas cumpre un ano


Hoxe a Biblioteca cumpre o seu primeiro ano de funcionamento.

Aos nosos 4.051 socios, que neste ano fixestes 29.196 préstamos, e a todas as persoas que ao longo destes 12 meses tedes pasado pola biblioteca para ler, buscar información, consultar internet, compartir un libro, xogar, escoitar un conto.... MOITAS GRAZAS.

 

Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas

85.510 razóns para estar satisfeitos

viernes, 23 de marzo de 2012

Día da Poesía. Recital poético

O martes 20, véspera do Día Internacional da Poesía, o Grupo Poético Brétema ofreceu na Biblioteca un recital no que participaron varios dos seus membros, que deleitaron ao público asistente coas súas creacións. 

A velada estivo amenizada polo grupo Los Bohemios, que musicaron os versos de poetas tan conocidos como  Mario Benedetti.

Podedes consultar todas as imaxes desta poética xornada no Álbum da Biblioteca.

A hora dos contos. O universo

O pasado sábado A hora dos Contos de Trini levounos de viaxe polo Universo, explorando todos todos os planetas do sistema solar montados na nosa particular nave espacial.

Intentamos averiguar A que sabe a lúa, acompañamos a uns simpáticos monos no seu intento por salvar a lúa, soubemos de Sara, que un bo día inventou un planeta diferente e fomos testemuñas das peripecias dunha pequena estrela que se perdía.

Ao rematar puidemos escoitar as fantásticas historias que os nenos foron creando ao longo mes, e Trini propúxonos o tema para a seguinte sesión: contarnos a historia dun planeta imaxinario!!

Todas as fotos da sesión están colgadas no Album da biblioteca.

A hora dos contos
Próxima sesión: sábado 28 de abril. Vivir a poesía.

lunes, 19 de marzo de 2012

Día da Poesía

O vindeiro mércores 21 de marzo conmemórase o Día da Poesía, e dende a biblioteca convidámosvos a participar  na nosa particular celebración: queremos encher a Neira Vilas de poesía, así que deixamos á vosa disposición un dos taboleiros de anuncios, nos que poderedes atopar unha morea de "pósits" de distintos tamaños e cores, nos que ao longo de toda esta semana vos invitamos a deixarnos por escrito os vosos versos preferidos!

martes, 13 de marzo de 2012

Estoxos Viaxeiros. China


Un novo mes e un novo destino para os nosos Estoxos Viaxeiros, que nesta ocasión nos levaron ata a lonxana China. Xunto a Wang Fei coñecimos Pekín, as súas rúas e prazas, e alí asistimos á cerimonia dunha voda tradicional, moi diferente das que estamos acostumados a ver.

Fomos familiarizándonos coas diferentes etnias e relixións, e tamén co seu alfabeto, co que aprendimos a escribir algunhas palabras.

Despois tivemos que poñernos mans á obra para construír a nosa máscara de oso panda, que é típico da China, e unha vez transformados en tan fermoso animal puidemos, como non podía ser doutra forma nos nosos estoxos, darnos unha boa merendola a base de galletas de arroz.

Para rematar a viaxe, dous contos tradicionais, Los amantes mariposa e a Leyenda de Nu Wa.

Todas as fotos da xornada no Álbum da Biblioteca.

lunes, 5 de marzo de 2012

Programación de actividades en Marzo

Presentámosvos a programación de actividades que organizamos na biblioteca Xosé Neira Vilas para o mes de marzo, na que poderedes atopar as nosas citas habituais como os Extoxos Viaxeiros, a Hora dos Contos ou o Sabadiño do Roque, que neste mes cambia de data e visítanos o último sábado de marzo. Pero ademais propoñémosvos moitas outras actividades, para grandes e pequenos, nas que vos convidamos a participar! Así, celebraremos o Día da Poesía ao longo da semana que vai de 19 ao 24 de marzo, enchendo a biblioteca de pósitpoemas ou celebrando un obradoiro de poesía para os máis pequenos. Por último, animamos a todos os amantes da banda deseñada a inscribirse no obradoiro de creación de cómic, impartido polo debuxante Fran Bueno.

Podedes consultar toda a información das actividades no seguinte enlace:

Programación de actividades. Marzo 2012