martes, 28 de febrero de 2012

Novo servizo na Biblioteca Xosé Neira Vilas

Dende hoxe xa podedes entregar os vosos préstamos fóra do horario de apertura da biblioteca, a través do buzón de devolucións situado na entrada principal.

Sopa de Letras. Obradoiro de cociña para adultos

O pasado sábado, para clausurar a mostra bibliográfica Sopa de Letras, que dende xaneiro ofrecía unha escolma dos nosos mellores libros de cociña, na biblioteca organizamos un obradoiro de cociña para adultos, coa inestimable axuda de Milagrosa, que deseñou un delicioso menú que elaboraron todos os participantes neste taller culinario e que podedes consultar no seguinte enlace:


Un a un fóronse explicando os diferentes pasos para preparar as distintas receitas, todas elas exquisitas, coas que os nosos gourmets tiveron a ocasión de deleitar os seus padais!

Todas as fotos do obradoiro no Álbum da biblioteca.

miércoles, 22 de febrero de 2012

O Entroido

Onte foi Martes de Entroido, e como non podía ser doutra forma, na Biblioteca unímonos a este festexo cun divertido contacontos e un obradoiro de máscaras e maquillaxe.
Comezamos a actividade conñecendo a Entroidiño, que explicou o significado da festa aos cativos. Viña acompañado da señora notaria, que leu o testamento do finado Meco, morto no entroido, e que nas súas últimas vontades pediu que se lle contara un conto aos nenos da Biblioteca Xosé Neira Vilas. 
Foi así como esta seria notaria se transformou en Rei e contounos a historia de como no seu reino todo o mundo vivía moi triste, ata que un día decidiu mandar aos 7 sabios máis sabios do lugar a percorrer o mundo en busca dunha solución para tanta tristura. Despois de navegar por mares e océanos recalaron no porto de Vigo en pleno Entroido, tomaron nota de todo o que alí viron á súa volta contáronllo ó Rei, que a partir de entón trouxo a alegría ao seu reino coa celebración do Entroido.
Rematada a historia fixéronse dous obradoiros paralelos, un de máscaras e outro de maquillaxe, no que os nenos se transformaron en todo tipo de personaxes: piratas, flores, tigres...
E como fin de festa, unha enorme piñata con caramelos para todos os presentes!

Podedes gozar coas imaxes deste fantástico martes de entroido na sección "As nosas fotos"

A hora dos Contos. O amor

Último sábado de mes na biblioteca. Que toca? Unha nova cita coa Hora dos Contos!
Posto que estabamos no Entroido, Trini comezou a sesión disfrazándose diante dos nenos de princesa. O tema central da sesión de febreiro era o Amor, e ese foi o fío argumental das diferentes historias que foi relatando. En primeiro lugar a historia do príncipe Florencio, unha ra que foi convertida en humano, e que non recuperou a súa forma orixinal ata que outra ra lle dou un verdadeiro bico de amor. Tamén os amores entre xirafa e crocodrilo, con canción incluída, ou amores extraordinarios como o dunha árbore que sacrificou a súa vida pola do neno que máis quería no mundo. Historias tamén como a de dous burros tozudos, que teñen que percorrer o mundo para darse conta que están feitos o un para o outro.
Como sempre, ara rematar a sesión,  os membros máis activos do noso club leron as historias que escribiran nos seus cadernos, e repatírnonse as novas propostas para o seus diarios de lecturas.

Todas as fotos da xornada en "As nosas fotos".

A hora dos contos
De outubro a xuño, o terceiro sábado de mes ás 12.00 horas.

jueves, 16 de febrero de 2012

Estoxos Viaxeiros. Xapón

Este sábado os nosos Estoxos Viaxeiros leváronnos ata o lonxano oriente, nada máis e nada menos que ata Xapón, acompañados dunha guía de luxo, a nosa socia Mari Hashimoto.

Despois de coñecer o mito que explica a orixe de Xapón, un amigo moi especial, Doraemon, convidounos a viaxar ata alí grazas a un magnífico trebello sacado do seu peto máxico: un aro que fomos atravesando para chegar ao país nipón. Unha vez alí, montamos no metro para ir comer sushi, para o que tivemos que aprender a usar os paus. Da man de Mari tamén vimos como é o saúdo tradicional, como se dan as grazas, como funciona o seu sistema de escritura e moitos outros aspectos da súa cultura.
E para rematar, como en cada estoxo, merendola a base duns deliciosos doces de arroz e fariña de soia.

Todas as imaxes desta fantástica viaxe na sección "As nosas fotos"



No estoxo Destino: Xapón podedes atopar:
   Kimonos, de Annelore Parot (libro)
   Papiroflexia, de Vicente Palacios Garrido (libro)
   Chicas de instituto, de Towa Oshima (manga)
   El gorrión, de Pilar Obón (libro)
   El maestro de muñecas kokeshi, de Mika Murakoa (libro)
   La leyenda de Urashima, conto tradicional (en papel)
   Fichas didácticas sobre Xapón
   Mapa
   Alfabeto
   Revista xaponesa
   Receitas tradicionais (6)
   Paus para comer
   Bolsiña de bólas
   Caramelos Kitty
   Sin Chan
   Lazos de cores
   Paxaro de papel (origami)
   Cartafol Crea:
        Kitty
        Sin Chan
        Doraemon
   Cartafol de manualidades
        Crea a túa boneca xaponesa
        Papel origami
        Stencil set Kitty
        Crea o teu bombón de chocolate
Caderno de notas

Estoxos viaxeiros
De outubro a xuño, o segundo sábado de cada mes ás 12.00 horas
Próximo destino: China

O sabadiño do Roque. O amor

O pasado sábado 4 de febreiro Roque visitou de novo a biblioteca, nesta ocasión para falarnos do Amor.

Da man da súa amiga Andrea coñecimos os amores entre Caracol e Caracola, os da Cebra Debra ou os da princesa e a ra.


Pero estando no mes de febreiro, non podíamos deixar de falar tampouco do Entroido, e vimos a Roque disfrazado dunha pantasma de medo!!

Despois, todos os participantes crearon a súa particular piruleta de corazón, que puideron regalar ás persoas que máis queren neste mundo.... quen será?

E para rematar, Roque volveu aparecer para despedirse, e como cada sábado, felicitar a todos os que estiveran de aniversario neste mes.

Todas as fotos, como sempre, no noso álbum.

Só lembrarvos que a cita de marzo con Roque non será o día 3 senón o sábado 31 ás 12.00h.

miércoles, 1 de febrero de 2012

Novo servizo na Biblioteca Xosé Neira Vilas



Dende hoxe tedes na biblioteca á vosa disposición dous dispositivos portátiles de visionado de películas que podedes solicitar no punto de información para o seu uso en sala.