lunes, 30 de enero de 2012

Sopa de Letras. Comemos os libros

Con motivo da celebración da mostra bibliográfica Sopa de Letras, o pasado sábado As Marías achegáronse á biblioteca para ensinarnos a importancia dunha alimentación saudable.

Así, coñecimos a verdadeira historia da bruxa Catuxa Piruxa, a de Hansel e Gretel, filla de grandes reposteiros, que nos contou que en realidade ela non quería comer nenos, senón só facer novos amigos...

Con elas, con María e Piru, aprendimos por exemplo que a lingua medra ao longo de toda a vida, e por iso debemos sempre probar de todo: que agora non nos guste unha comida non significa que dentro dun ano non a atopemos deliciosa!

Tamén probamos a identificar distintos alimentos a través do tacto, do olfato, do oído ou do gusto, grazas á inestimable colaboración do público participante, que se animou a saír ao estrado e someterse aos experimentos culinarios destas tolas da cociña.

E para rematar, como non, preparamos entre todos un delicioso menú a base de roliños de xamón e queixo, cunha elaborada decoración de froitas. De postre, a tradicional tarta de galletas. 
Todo tan rico que as bandexas quedaron baleiras en menos que canta un galo. Podedes comprobalo nas instantáneas que tomamos ao longo desta nutritiva sesión, colgadas como sempre na sección "As nosas fotos".

Sopa de Letras. Mostra bibliográfica
Do 16 de xaneiro ao 29 de febreiro de 2012 en horario da biblioteca.

Obradoiro de cociña para adultos
Sábado 25 de febreiro ás 12:00h.
(É necesaria inscrición previa)



jueves, 26 de enero de 2012

A hora dos Contos. A imaxinación

O sábado tivemos ocasión de gozar dunha nova sesión da Hora dos Contos, que este mes xirou ao redor dalgo moi importante na nosa vida: a imaxinación. Así, a partir de formas simples debuxadas nunha pizarra fomos quen de ver un sinfin de figuras: un círculo transformouse nunha simpática cara, un triángulo nunha casa ou unha pirámide...

E falando de imaxinación non podían faltar fantásticas historias con este elemento como protagonista, e desta forma escoitamos as peripecias de Moncho e a Mancha, as aventuras do Mago Goma ou as andanzas do Pato Ticas.

Para rematar enchimos unha nova folla do noso caderno de lecturas, e gozamos tamén cos traballos que os membros do noso club realizaron ao longo do mes.


A hora dos contos
De outubro a xuño, o terceiro sábado de mes ás 12.00 horas.

miércoles, 18 de enero de 2012

Mostra Bibliográfica. Sopa de Letras


Presentámosvos unha escolma da bibliografía máis destacada do noso fondo relacionado co mundo da cociña, unha deliciosa Sopa de Letras que estará á vosa disposición do 16 de xaneiro ao 29 de febreiro, en horario de apertura da biblioteca.



Completaremos esta mostra, "rica rica", con dúas actividades, unha para nenos e outra para adultos. 


COMEMOS OS LIBROS
Sabado 28 de xaneiro ás 12.00

Dentro das mostra bibliográfica de cociña, organizamos este obradoiro de chupar os dedos! Contos, adiviñas e xogos cos que fomentaremos entre os máis pequenos a importancia dunha alimentación rica e variada. Para rematar, nada mellor que preparar unha rica receita entre todos os participantes.


OBRADOIRO DE COCIÑA PARA ADULTOS
Sábado 25 de febreiro ás 12.00h
 
Para rematar a mostra sobre cociña, desenvolveremos un obradoiro no que se realizará unha desmostración de cociña, na que os participantes poderán resolver diversas dúbidas culinarias.

Inscrición no obradoiro:
As persoas interesadas en participar neste obradoiro poderán formalizar a súa inscrición do 1 ao 24 de febreiro na propia biblioteca ou a través do noso teléfono 986267759. O taller é gratuíto e consta de 15 prazas (preferencia por orde de inscrición).




Estoxos Viaxeiros. Perú

O sábado pasado tivemos unha nova cita cos Estoxos Viaxeiros, e o noso destino foi o lonxano Perú.

Comezamos tomando un avion e voando ata Lima, a capital do país. Despois trasladámonos á costa e coñecimos os costumes propios da zona. Dende alí, collimos un tren ata a serra, onde descubrimos os segredos do Machu Pichu e o Imperio Inca. Pero aínda nos agardaban máis aventuras, así que decididos, montámonos en bus e dirixímonos á selva amazónica para seguir as pegadas da fauna local.
 
Durante a viaxe, aprendimos tamén xogos tradicionais, como a Ronda do Lobo, repartimos contos populares entre os asistentes e como non, rematamos cunha boa merendola a base de boniato frito, alfajores de dulce de leite e masamorra morada!

No estoxo Destino Perú podedes atopar:


- Wirapacha y el cóndor plateado, conto de Percy Pereda Huaman
- Fonchito y la luna, conto de Mario Vargas Llosa
- El Mito del Cóndor, conto popular
- La Leyenda de Manco Cápac y Mama Ocllo, conto popular
- Revista National Geographic
- Fichas didácticas sobre Perú

- 1 mapa
- Receitas tradicionais (6)
- 3 billetes
- Bolsiña fauna peruana: 9 animais de dedos (xogo)
- Bolsiña de bólas (xogo)
- Bolsiña: Liga (xogo)
- Carpeta de manualidades:
      Crea a túa máscara Inca
      Crea a túa anaconda
      Crea o teu bombón de chocolate
- Caderno de notas
 



Estoxos viaxeiros
De outubro a xuño, o segundo sábado de cada mes ás 12.00 horas
Próximo destino: Japón

jueves, 12 de enero de 2012

Estoxos Viaxeiros. Perú

Tras o éxito dos Extoxos Viaxeiros de Colombia, Armenia e Alxeria, na Biblioteca Xosé Neira Vilas decidimos que todavía nos quedaba moito mundo por coñecer, así que imos continuar viaxando ata o mes de xuño, visitando cada vez un país diferente.

En xaneiro, tócanos ir ata Perú, berce do imperio Inca, e asomarnos á súa fascinante cultura. Non o perdades!


Estoxos viaxeiros. Perú
Sábado 14 de xaneiro ás 12.00h

O Sabadiño do Roque

O pasado sábado 7 de xaneiro volvemos a gozar na Biblioteca cunha nova sesión do Sabadiño do Roque. 

Cos seus inseparables amigos, Andrea e Óscar, escoitamos fantásticas historias, como a de Panatas, o parrulo que quería aprender a nadar, a da ratiña que que estaba de aniversario, ou a da Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, todo un clásico que segue facéndonos rir cada vez que o lemos!

Como sempre, Roque uniuse a nós despois dos contos (xa sabemos que é algo durmilón) e estívonos contando que tal o pasara durante as festas do Nadal. 

E para rematar, unha sarta de xogos do máis animado para poñernos de novo en forma despois das vacacións! Non se lle pode pedir máis á mañá dun sábado!

Agardámosvos o vindeiro mes, que vai ser do máis amoroso...

O sabadiño do Roque
De outubro a xuño, o primeiro sábado de cada mes ás 12.00 horas

jueves, 5 de enero de 2012

O Nadal na Biblioteca Xosé Neira Vilas

Esta noite chegan os Reis Magos, é un día de nervios e ilusión, pero tamén a fin das festas...

Ao longo de tres semanas na Biblioteca Xosé Neira Vilas quixemos celebrar o Nadal con todos vós, e comezamos a facelo o día 20 cunha xenial sesión de contacontos de Pablísimo, que nos deleitou coas súas redondiñas historias de ovos, e todo o que pode saír deles: galiñas, pingüíns e ata vacas-polo!
Continuamos os festexos cun obradoiro no que propuxemos que nos axudarades a decorar a nosa árbore de Nadal cos vosos personaxes de conto preferidos. Así, despois dunha productiva sesión, quedaron colocados no noso "piñeiro" Kika Superbruja, Gerónimo Stilton, Bat Pat, Olivia, Max, Manolito Gafotas, Teo, Frederick e un longuísimo etcétera. Para rematar elaboramos tamén as nosas propias postais para felicitar as festas.
O día 27 inauguramos unha mostra de monicreques, que  repartidos por distintos recunchos da biblioteca nos achegaron ao marabilloso universo das marionetas: os tipos que existen, como se manipulan... Pero que mellor forma de gozar delas que cunha divertidísima obra! Por iso ese mesmo día representamos O galo Quirico, con música en directo e a participación activa dos nosos espectadores.

Para celebrar que remataba o ano, e premiar a vosa fidelidade, repartimos lotes de libros entre os nosos lectores máis activos, tanto adultos como nenos, para que comezasen este 2012 gozando das mellores lecturas.

Xa entrados no 2012, tocou recoller a mostra de marionetas, pero non sen antes organizar un obradoiro de monicreques no que aprendimos a facer o noso propio títere con materiais que todos temos na casa. Os resultados foron do máis sorprendente!

E non podemos esquecer tampouco a visita do Paxe Real, que recolleu as cartas que os máis cativos deixaran no noso buzón ou que lle foron entregando en persoa... 

As imaxes de todas estas actividades están colgadas como sempre na sección "As nosas fotos". Non as perdades!!

E rematamos así  os festexos de Nadal, agardando que os Reis Magos se porten ben con vós esta noite e lembrándovos que na Bilioteca seguimos coa nosa programación habitual, así que vos esperamos o sábado 7 cunha nova sesión do Sabadiño do Roque!!

domingo, 1 de enero de 2012

Programación trimestral. Xaneiro - Marzo 2012

Presentámosvos a nova programación da Biblioteca Xosé Neira Vilas para o trimestre que comeza, no que continuamos coas nosas actividades permanentes como o Sabadiño do Roque, os Estoxos Viaxeiros, a Hora dos contos ou o club de lectura; pero no que tamén organizamos outras novas que agardamos que sexan do voso agrado: festexaremos o entroido e o día da poesía, farásenos a boca auga coa mostra de cociña e os obradoiros celebrados ao seu redor e achegarémonos á banda deseñada da man de Fran Bueno e o seu taller de cómic.


Podedes estar ao día das actividades na axenda da biblioteca ou descargar o programa no seguinte enlace:
Programación trimestral. Xaneiro - Marzo 2012

Esperamos que vos gusten!