jueves, 25 de octubre de 2012

Día da Biblioteca. Encontro con Francisco Castro


Como sabedes, o día de onte a BPM Xosé Neira Vilas celebrou o Día da Biblioteca. Para facelo tivemos o pracer de contar con Francisco Castro, editor, escritor e presidente de GALIX. Na compaña dos alumnos de 6º de Primaria do CEIP Lope de Vega, Francisco Castro reflexionou sobre o que significan para el os libros e as bibliotecas, e o que supón para el ser escritor, especialmente nestes momentos difíciles nos que nos toca vivir.

Foi un encontro interesantísmo, cun grande intercambio entre o autor e os rapaces nun enriquecedor exercicio de comunicación, que en definitiva, e en palabras do escritor, é a esencia da literatura.

Deixámosvos aquí algunhas das reflexións de Francisco Castro, que podedes atopar e ampliar no seu blog e que vos animamos encarecidamente a visitar.


"Quero reflexionar con eles sobre o pracer da literatura. Esta adicción marabillosa que nos leva a ler nos avións pero tamén nos cuartos de baño, na soidade do salón o día, rarísimo, en que nos deixan, ou no medio do parque coidando das crianzas. Pensar con eles sobre as bibliotecas e todo o que conteñen. En definitiva, darlles un anaco de min, do meu sentir, sabedor de que son moitos millóns de seres humanos os que compartimos esa experiencia gozosa e que nos comunicamos, así e sen nos coñecer, a través das palabras. E así entendereime eu a min mesmo e eles entenderanme un chisco máis. Porque eu non sería o mesmo sen os libros que me acompañan dende que teño uso de razón. Sería outro. Nin mellor nin peor. Outro. Non eu, dende logo".


"Eu son escritor, e vivo no mundo dos soños. Como a realidade non me chega, collo as palabras todas do dicionario, mestúroas procurando semánticas atrevidas e chamo polos personaxes, por todos eses que dalgunha maneira, os bos e os menos bos, son eu. Velaí outra sorte: exorcismo diario, fantasía permanente, loucura controlada a base de verbas de regalía. E síntome privilexiado por poder vivir o xogo, sempre infantil e liberador, da creación, que me pon en órbita, que me permite marchar do mundo, por exemplo canda Marco Polo a botar unhas parrafadas co Gran Kahn, ou con Simbad, os dous abeirados ás persas alfombras que mellor voen.
(...)
Eu son escritor. E ademais en lingua galega. Así que nos meus libros hai verbas coma recendo, achouchío, ledicia, amorodo ou señardade. E por iso vivo, tamén, no País da Beleza.
E dígome a diario: son escritor. Que marabilla".


Podedes botar unha ollada ás imaxes do encontro no Álbum da biblioteca


No hay comentarios:

Publicar un comentario