martes, 17 de abril de 2012

Presentación do novo libro de Xosé Neira Vilas


O pasado 11 de abril Xosé Neira Vilas volveu a reencontrarse coa biblioteca que leva o seu nome para presentar a súa última novela: Esperando o leiteiro, que nos presenta a historia dun mozo campesiño que a mediados do século XX vai emigrar a Buenos Aires. Coa maleta ao lombo, camiña sete quilómetros; perdeu o coche de liña e confía en que o leve o camión que recolle o leite. Mentres agarda a chegada do leiteiro, o mozo fai un reconto da súa vida, cos seus traballos, xogos, amores, miserias e soños. Xosé Neira Vilas escribe un intenso monólogo interior que non cesa ata que, por fin, o protagonista emprende o camiño.

Nesta presentación, á que acudiu máis dun centenar de persoas, Neira Vilas estivo acompañado pola Concelleira de Cultura, Isaura Abelairas, e polo director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, que fixo un percorrido pola obra literaria do escritor, repasando as claves da súa narrativa.

A actriz Uxía Blanco, tamén presente no acto, quixo así mesmo facer a súa homenaxe ao autor, interpretando dous fragmentos de Esperando o leiteiro.

Finalmente, Neira Vilas recordou tamén parte da súa traxectoria, os motivos que o levaron a escribir as súas novelas e a importancia da emigración en América, lembrando os anos alí pasados xunto a  tantos outros nomes destacados da literatura e cultura galegas. Todo isto entre divertidas anécdotas, recollidas algunhas  neste último traballo no que dalgunha maneira conflúen todas as obras do autor.




Máis imaxes do acto no Álbum da Biblioteca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario