lunes, 30 de enero de 2012

Sopa de Letras. Comemos os libros

Con motivo da celebración da mostra bibliográfica Sopa de Letras, o pasado sábado As Marías achegáronse á biblioteca para ensinarnos a importancia dunha alimentación saudable.

Así, coñecimos a verdadeira historia da bruxa Catuxa Piruxa, a de Hansel e Gretel, filla de grandes reposteiros, que nos contou que en realidade ela non quería comer nenos, senón só facer novos amigos...

Con elas, con María e Piru, aprendimos por exemplo que a lingua medra ao longo de toda a vida, e por iso debemos sempre probar de todo: que agora non nos guste unha comida non significa que dentro dun ano non a atopemos deliciosa!

Tamén probamos a identificar distintos alimentos a través do tacto, do olfato, do oído ou do gusto, grazas á inestimable colaboración do público participante, que se animou a saír ao estrado e someterse aos experimentos culinarios destas tolas da cociña.

E para rematar, como non, preparamos entre todos un delicioso menú a base de roliños de xamón e queixo, cunha elaborada decoración de froitas. De postre, a tradicional tarta de galletas. 
Todo tan rico que as bandexas quedaron baleiras en menos que canta un galo. Podedes comprobalo nas instantáneas que tomamos ao longo desta nutritiva sesión, colgadas como sempre na sección "As nosas fotos".

Sopa de Letras. Mostra bibliográfica
Do 16 de xaneiro ao 29 de febreiro de 2012 en horario da biblioteca.

Obradoiro de cociña para adultos
Sábado 25 de febreiro ás 12:00h.
(É necesaria inscrición previa)



No hay comentarios:

Publicar un comentario