jueves, 5 de enero de 2012

O Nadal na Biblioteca Xosé Neira Vilas

Esta noite chegan os Reis Magos, é un día de nervios e ilusión, pero tamén a fin das festas...

Ao longo de tres semanas na Biblioteca Xosé Neira Vilas quixemos celebrar o Nadal con todos vós, e comezamos a facelo o día 20 cunha xenial sesión de contacontos de Pablísimo, que nos deleitou coas súas redondiñas historias de ovos, e todo o que pode saír deles: galiñas, pingüíns e ata vacas-polo!
Continuamos os festexos cun obradoiro no que propuxemos que nos axudarades a decorar a nosa árbore de Nadal cos vosos personaxes de conto preferidos. Así, despois dunha productiva sesión, quedaron colocados no noso "piñeiro" Kika Superbruja, Gerónimo Stilton, Bat Pat, Olivia, Max, Manolito Gafotas, Teo, Frederick e un longuísimo etcétera. Para rematar elaboramos tamén as nosas propias postais para felicitar as festas.
O día 27 inauguramos unha mostra de monicreques, que  repartidos por distintos recunchos da biblioteca nos achegaron ao marabilloso universo das marionetas: os tipos que existen, como se manipulan... Pero que mellor forma de gozar delas que cunha divertidísima obra! Por iso ese mesmo día representamos O galo Quirico, con música en directo e a participación activa dos nosos espectadores.

Para celebrar que remataba o ano, e premiar a vosa fidelidade, repartimos lotes de libros entre os nosos lectores máis activos, tanto adultos como nenos, para que comezasen este 2012 gozando das mellores lecturas.

Xa entrados no 2012, tocou recoller a mostra de marionetas, pero non sen antes organizar un obradoiro de monicreques no que aprendimos a facer o noso propio títere con materiais que todos temos na casa. Os resultados foron do máis sorprendente!

E non podemos esquecer tampouco a visita do Paxe Real, que recolleu as cartas que os máis cativos deixaran no noso buzón ou que lle foron entregando en persoa... 

As imaxes de todas estas actividades están colgadas como sempre na sección "As nosas fotos". Non as perdades!!

E rematamos así  os festexos de Nadal, agardando que os Reis Magos se porten ben con vós esta noite e lembrándovos que na Bilioteca seguimos coa nosa programación habitual, así que vos esperamos o sábado 7 cunha nova sesión do Sabadiño do Roque!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario