viernes, 30 de diciembre de 2011

A cesta dos libros

Remata o 2011, e con el o primeiro ano de vida da Biblioteca Xosé Neira Vilas. 

Queremos agradecervos a todos os usuarios os bos ratos compartidos, os comentarios, a vosa participación, os vosos sorrisos... 


É por iso que quixemos premiar aos lectores máis activos de cada categoría (adulto e infantil) cun lote de libros cos que comezar o 2012 gozando coas mellores lecturas. Agardamos que vos gusten!

Estes son os mellores lectores de 2011 na categoría de Adulto:
  • Miguel Bande
  • Marcos Braian Fernández
  • José María Freijo
  • Pilar Miranda
  • Javier Bueno
  • Eva Elorrieta
E agora os mellores lectores na categoría Infantil:
  • Laura Piñeiro
  • Génesis e Chanell Conde
  • Uxía e Breixo Merino
  • Samuel Signo
  • Sabela e Brais Miñana
  • Santiago Fernández
  • Xela e Breixo Lores

De novo, moitas grazas a todos por estes fantásticos 9 meses, sen vós a biblioteca non sería o que é.

Feliz Aninovo a todos. Vémonos no 2012!




lunes, 19 de diciembre de 2011

Programación de Nadal


 CONVIDÁMOSVOS A CELEBRAR O NADAL NA BIBLIOTECA! 

O Nadal son datas moi especiais para todos, por iso na Biblioteca Xosé Neira Vilas queremos celebralas con todos vós organizando unha serie de actividades para toda a familia que nas que vos convidamos a participar.


Do 14 de decembro de 2011 ao 3 de xaneiro de 2012
Buzón Real

Dende o día 14, teremos a disposición de todos os nenos e nenas un Buzón Real, no que poder deixar as cartas escritas aos Reis Magos, que virá a buscar un Paxe Real o día 3 de xaneiro!


Martes 20 de decembro de 2011 ás 18.00 h
Os contos de Pablísimo

Comezamos as nosas actividades de Nadal cunha xornada especial de contacontos da man do xenial Pablísimo, que visita de novo a Biblioteca Xosé Neira Vilas para presentarnos os seus "Contos con ovos", unha sesión moi moi redondiña onde os protagonistas son os ovos... e o que sae deles!

Destinatarios: Actividade para nenos entre 3 e 10 anos
Aforamento: Entrada libre ata completar aforamento


Mércores 21 de decembro de 2011 ás 18.00 h
Obradoiro de Nadal

Realizaremos postais de Nadal con diferentes materiais e escribiremos as nosas cartas aos Reis Magos.

Destinatarios: Actividade para nenos entre 3 e 10 anos
Aforamento: Entrada libre ata completar aforamento


Do 27 de decembro de 2011 ao 3 de xaneiro de 2012
Un mundo de títeres. Mostra de monicreques

Viravolta títeres ofrécenos esta mostra dos materiais empregados nos seus espectáculos: teatriños, vestiarios, decorados, atrezzo e marionetas. Tamén monicreques e libros de distintas partes do mundo que amosan as variedades técnicas tanto de construción como de manipulación. Unha mostra na que os visitantes poderán fomentar a súa atracción polo mundo dos títeres e coñecer o interior dun teatriño.

En horario de apertura da biblioteca


Martes 27 de decembro de 2011 ás 18.00 h
O Galo Quirico (monicreques)

Na inauguración da mostra de monicreques, represéntase o conto O Galo Quirico, seguindo a versión de Bernardino Graña, xunto con algúns números de marionetas tradicionais no que os espectadores participarán activamente cantando e danzando.
Unha atractiva posta en escena con marionetas e teatriño de cartón con música en directo!

Destinatarios: Actividade para nenos entre 3 e 10 anos
Aforamento: Entrada libre ata completar aforamento


Mércores 28 de decembro de 2011 ás 18.00 h
O Quiquiriquí

Preséntase na biblioteca o libro-disco O Quiquiriquí. Cantos para o Nadal", unha actividade para toda a familia na que se proxectará un pequeno documental e se realizarán unha serie de actividades de dinamización como xogos, cantigas, etc.

Destinatarios: Actividade para nenos entre 3 e 10 anos
Aforamento: Entrada libre ata completar aforamento


Venres 30 de decembro de 2011 ás 20.00 h
Cesta de libros

Para celebrar que remata o 2011, o primeiro ano de vida da Biblioteca Xosé Neira Vilas, premiaremos aos lectores máis activos de cada categoría (adulto e infantil) cun lote de libros para que poidan comezar o 2012 gozando das mellores lecturas.

Destinatarios: Todos os usuarios da biblioteca

Martes 3 de xaneiro de 2012 ás 18.00 h
Obradoiro de títeres

Para pechar a mostra de monicreques, celebraremos un obradoiro no que construiremos un títere ou un cabezudo sinxelo, empregando as ferramentas básicas de construción, obtendo un resultado que ao final será moi gratificante para os participantes.

Destinatarios: Actividade para nenos entre 3 e 10 anos
Aforamento: 30 prazas (Previa inscrición)*

*Inscrición para o obradoiro:
Os interesados en participar neste obradoiro poden formalizar a súa inscrición do 23/12/2011 ata o 3/01/2011 na biblioteca ou no teléfono 986 267 759. O obradoiro é gratuíto e consta de 30 prazas (preferencia por orde de inscrición).

Martes 3 de xaneiro de 2012 ás 19.00 h
Visita do Paxe Real

O Paxe Real e o axudante dos Reis Magos veñen á biblioteca para recoller as peticións de agasallos dos nenos e levarllas ás súas maxestades.
Destinatarios: Actividade para toda a familia


DENDE A BIBLIOTECA XOSÉ NEIRA VILAS DESEXÁMOSVOS FELICES FESTAS

A hora dos contos. O Nadal

Neste mes de decembro, a nosa cita coa Hora dos Contos, que cada terceiro sábado nos ofrece a xenial Trini, non podía falar doutro tema que non fose o Nadal...

Así, escoitamos a historia dunha árbore de Nadal que ninguén quere e que da man duns nenos moi mañosos se transforma na árbore máis bonita de todas. Tamén coñecemos a Antón o Apalpador, que vai polas aldeas do Caurel apalpando a barriga dos nenos na noite do 24 de decembro. Tampouco faltaron no repertorio os Reis Magos, nin clásicos destas datas, como o Conto de Nadal de Charles Dickens.

Despois de escoitar os contos de Trini, chegou o turno de que os membros do noso club puidesen ler tamén as historias que van escribindo no seu caderno, todas elas fantásticas!!

Para rematar a mañá, o noso amigo Santiago dounos unha agradable sorpresa acompañándonos coa súa guitarra para interpretar a canción da Hora dos contos, que cantamos e bailamos entre todos.

Como sempre, na despedida Trini repartiu o material co que completar o noso caderno de lecturas, e tras apalpar a barriga dos nenos/as, foi repartindo castañas entre os participantes.

Podedes consultar todas as imaxes da mañá na sección "As nosas fotos"


A hora dos contos
De outubro a xuño, o terceiro sábado de mes ás 12.00 horas.

lunes, 12 de diciembre de 2011

Estoxos Viaxeiros. Alxeria

O sábado pasado, como moitas outras persoas que aproveitaron a ponte para viaxar, na biblioteca trasladámonos ata a lonxana Alxeria da man dos nosos Estoxos Viaxeiros.

Como sempre, puidemos asomarnos á súa historia e á súa cultura, a través do contido do noso estoxo: a música andaluza, a literatura, o alfabeto... e como sempre, a gastronomía, que non falta en ningunha das nosas citas!

Todas as imaxes da xornada en "As nosas fotos"



Estoxos viaxeiros
De outubro a decembro, o segundo sábado de cada mes ás 12.00 horas
Próximo destino: Perú

miércoles, 7 de diciembre de 2011

O Sabadiño do Roque. Contos de Nadal

O pasado sábado tivemos ocasión de gozar dunha nova sesión do Sabadiño do Roque no que, como non podía ser doutra forma nestas datas, falamos das festas do Nadal.
Así, coñecimos primeiro a historia da Xirafa Chufa e o seu baile de Nadal, pero tamén a da Ratiña Lola ou a de Martiño, cando a noite de Reis lle entraron unhas irresistibles ganas de facer pis... Por último, tivemos tamén a oportunidade de escoitar os berros de dor dun rei moi especial o día que se lle cravou un alfinete nas súas reais pousadeiras!!
Tras escoitar estes fabulosos contos, que arrincaron sorrisos a grandes e pequenos, chegou o momento que os máis cativos esperaban: Roque volveu a presentarse na biblioteca, esta vez cun grande problema: escribir a súa carta aos Reis Magos! Entre todos axudámolo a confeccionala, recordando sempre que non debemos ser demasiado pedichóns...
E para rematar tan estupenda mañá, fixemos un ensaio da noite de fin de ano, probando a escoitar as 12 badaladas, e con cada unha, un gusanito para a barriga... Tampouco podía faltar o "champín" para brindar e desexarnos unha feliz entrada no 2012!!


Todas as fotos desta animada xornada na sección "As nosas fotos".


O sabadiño do Roque
De outubro a xuño, o primeiro sábado de cada mes ás 12.00 horas