martes, 29 de noviembre de 2011

Toponimia do Val do Fragoso. Coloquio

Tras a presentación no mes de maio do libro Toponimia do Val do Fragoso: Lavadores na BPM Xosé Neira Vilas, o vindeiro 2 de decembro, a Concellería de Normalización Lingüística organiza tamén na biblioteca un encontro co autor da obra, Iván Sestay, que fai un exhaustivo estudo dos topónimos do barrio de Lavadores, afondando na súa orixe e nos seus significados.

No coloquio, o autor compartirá con todas aquelas persoas interesadas as súas investigacións ao redor desta histórica parroquia.


Venres 2 de decembro ás 19.30 horas

viernes, 25 de noviembre de 2011

Achégate a internet II

O mércores rematou a II edición de Achégate a internet, un curso de alfabetización dixital dirixido a aqueles usuarios da biblioteca que querían iniciarse no mundo das novas tecnoloxías.

Día tras día, e grazas ás explicacións de Alicia (a profe), os participantes foron desenvolvéndose cada vez con máis soltura, aprendendo a manexar as ferramentas básicas para poder buscar, utilizar e valorar a información que internet nos ofrece, especialmente nos ámbitos máis cotiás: uso de buscadores, correo electrónico, almacenaxe da información, etc.
 
Soamente nos queda darlles as grazas a todos os participantes, agardando que a partir de agora as novas tecnoloxías non teñan segredos para eles!

lunes, 21 de noviembre de 2011

A hora dos contos

O sábado 19 de novembro tivemos ocasión de volver a disfrutar de Trini Puentes e a súa Hora dos contos. 

Esta vez achegámonos a seres fantásticos como as fadas e os trasnos, protagonistas de contos tan fermosos como o clásico dos irmás Grimm O zapateiro e os trasnos.

Tampouco faltaron as cancións e outras moitas historias que animaron esta estupenda mañá de sábado.

Para rematar, como cada semana, completamos unha folla máis do noso Caderno de lecturas, que mes a mes imos enchendo con aqueles con contos, debuxos, cancións, etc.

A hora dos contos
De outubro a xuño, o terceiro sábado de mes ás 12.00 horas.

jueves, 17 de noviembre de 2011

Estoxos Viaxeiros. Armenia

O pasado sábado tivemos na biblioteca a nosa segunda cita cos Estoxos Viaxeiros, que nesta ocasión leváronnos ata Armenia para achegarnos un anaquiño da súa cultura, a súa xeografía, a súa historia...


Comezamos a viaxe acompañados polo son do Duduk, un instrumento  de vento tradicional feito con madeira de albaricoque, árbore típica do país, protagonista tamén da fermosa historia do Ladrón de albaricoques, que tivemos a ocasión de escoitar da man de Vahe e Margarit. 

Soubemos tamén que segundo a tradición a arca de Noé pousouse no monte Ararat, un dos principais símbolos de identificación de Armenia e que aparece no seu escudo. Aprendimos así mesmo o alfabeto armenio, a xogar ao Kraketik...

Unha xornada fantástica que non podía rematar sen achegarnos á gastronomía do país, así que despedímonos degustando un riquísimo hoxaldre de queixo!

No estoxo Destino Armenia podedes atopar:

El Sol, de M. Mikayelyan
System of a Down (CD)
Sound of our life, de Amenian Navy Band (CD)
De la felicidad, de Ara Malikian (CD)
Receitas de cociña (6)
Revista (1)
Fichas didácticas sobre Armenia
Glosario
Mapa (1)
A Arca de Noé, caixa de xogos (un bote de tinta e 10 animais)
Kraketik: bolsiña con pedras (xogo)
Insignia coa bandeira de Armenia
Billetes armenios (8)
Monedeiro: 5 moedas e 2 fichas de metro
Xadrez
Sobre con quebracabezas
Imán con forma de granada
Trigo
Caderno de notas

Estoxos viaxeiros
De outubro a decembro, o segundo sábado de cada mes ás 12.00 horas
Próximo destino: Alxeria

miércoles, 16 de noviembre de 2011

Mostra Bibliográfica. Álvaro Cunqueiro

Co gallo da conmemoración do centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro, a Biblioteca Xosé Neira Vilas ofrece unha escolma da bibliografía do dito autor (biografías, antoloxías, ensaios...) que poderán consultar todos os usuarios do centro e que favorecerá o achegamento á súa vida e á súa obra.

Desta maneira queremos unirnos ás distintas homenaxes que ao longo do ano se teñen celebrado en diferentes lugares da xeografía galega, e ao mesmo tempo contribuír á difusión da figura de Álvaro Cunqueiro, unha das voces máis destacadas da narrativa galega do século XX, máximo expoñente do realismo máxico, e que fixo tamén importantes aportacións noutros xéneros literarios como o teatro, a lírica ou o ensaio.

As obras seleccionadas estarán a disposición dos usuarios da biblioteca en consulta en sala.
 
Datas: do 17 de novembro ao 31 de decembro en horario de apertura da biblioteca.

jueves, 10 de noviembre de 2011

Estoxos Viaxeiros. Armenia

Este sábado 12 de novembro ás 12.00 horas a Biblioteca Xosé Neira Vilas acolle o segundo dos nosos Estoxos viaxeiros, unha actividade para toda a familia na que viaxaremos polo mundo coñecendo novos países e diferentes culturas. O noso destino en novembro: Armenia. 
Agardámosvos!

martes, 8 de noviembre de 2011

O Sabadiño do Roque. A cociñar!

O pasado sábado 5 de novembro celebramos na Biblioteca Xosé Neira Vilas a segunda sesión do Sabadiño do Roque, que todos os meses estará con nós para deleitarnos cos seus contos, cantigas e xogos.

Nesta ocasión, o tema que propuxo a todos os participantes foi a cociña. Así, despois de escoitar dúas historias que teñen que ver coa comida e os sabores, como son A que sabe a lúa? e O rato Renato, todos os participantes na actividade puxéronse mans á obra e convertéronse en grandes reposteiros: entre todos realizamos tres sabrosísimas tartas de galleta e chocolate para chupar os dedos!

Non faltaron tampouco as cancións, os xogos, ou a lectura do conto que estamos a escribir entre todos os participantes no Sabadiño do Roque.

Como sempre, as imaxes da xornada na sección "As nosas fotos"



O sabadiño do Roque
De outubro a xuño, o primeiro sábado de cada mes ás 12.00 horas

lunes, 7 de noviembre de 2011

A noite das cabazas


O pasado luns 31 de novembro na Biblioteca Xosé Neira Vilas festexamos a Noite das cabazas cunha historia protagonizada polo rato Renato, que na súa procura dunha cabaza para facer a súa casa, vaise mergullar na noite do Samaín descubrindo as tradicións das festas do Magosto.

Despois de escoitar as andanzas de Renato, todos os nenos e nenas asistentes puideron participar nun fantástico e terrorífico taller de maquillaxe, converténdose nos máis temibles personaxes: vampiros, monstros, bruxas e un longo etcétera desfilaron pola biblioteca para festexar esta noite tan especial!

jueves, 3 de noviembre de 2011

O Sabadiño do Roque. A cociñar!

O vindeiro sábado 5 de novembro temos unha nova cita ás 12.00h co Sabadiño do Roque.

Este mes trataremos o tema da cociña, así que vide ben preparados para escoitar fantásticas historias coas que relamernos, e por suposto, para poñer o mandil e converternos en grandes chefs!

miércoles, 2 de noviembre de 2011

Achégate a Internet. II Edición


Comeza a II Edición do curso Achégate a Internet, destinado a todos aquelas persoas maiores de 16 anos que, sen ter experiencia no manexo de ordenadores, queiran iniciarse no uso das novas tecnoloxías da información.