jueves, 27 de octubre de 2011

A Noite das Cabazas

O vindeiro luns 31 de outubro a Biblioteca Xosé Neira Vilas celebra a Noite das Cabazas


miércoles, 26 de octubre de 2011

Club de lectura

O vindeiro xoves 3 de novembro comeza na Biblioteca Xosé Neira Vilas o Club de lectura.
O club de lectura é un grupo de persoas afeccionadas á lectura que se reunirá o 1º e o 3º xoves de cada mes para comentar e valorar un libro proporcionado pola propia biblioteca coa axuda da coordinadora do club, Marila Ruiz.

Non é preciso ser un experto lector para participar, o club está concibido para todas aqueles persoas con inquedanzas culturais, ganas de ler e de intercambiar ideas e opinións con outros lectores. 

Comentaranse obras de distintos xéneros literarios, nun ambiente confortable e distendido co que animar aos participantes a gozar da literatura e a compartir cos demais membros do club as súas reflexións, de modo que sexa un foro de intercambio de ideas que sexa enriquecedor para todos. 

Esta primeira sesión será a de presentación do club e dos seus membros, na que se darán a coñecer as normas e o funcionamento do mesmo e na que se proporá a primeira lectura a realizar.


lunes, 24 de octubre de 2011

Día da Biblioteca. Os contos de Pablísimo

O 24 de outubro celébrase en todo o mundo o Día da Biblioteca, e como non podía ser doutra forma, na BPM Xosé Neira Vilas unímonos a este festexo cunha sesión dos Contos de Pablísimo! Non tedes máis que coller un pouquiño de contacontos, engadirlle unha pinguiña de teatro, deixalo ao baño María con animación á lectura, botarlle un chisco de pantomima ....e xa tedes unha sesión de Pablísimo.

Nesta ocasión deleitounos con tres fantásticas historias: primeiro coñecemos ao puntiño Aquiles, que grazas ós seus esforzos chegou a conseguir todo o que desexaba, despois tivemos ocasión de acompañar a un intrépido ratiño que tivo valor para enfrontarse ao temible grúfalo e por último poidemos escoitar unha divertidísima versión do conto da princesa e o chícharo, na que os asistentes participaron de forma activa axudando a crear os efectos sonoros da historia: o galope dos cabalos, a tormenta e a chuvia, a porta do castelo, a princesa asoando os mocos...

Como sempre, todas as fotos desta fantástica xornada na sección “As nosas fotos”.

miércoles, 19 de octubre de 2011

lunes, 17 de octubre de 2011

A hora dos contos

O pasado sábado organizamos na Biblioteca a nosa primeira Hora dos Contos, o club de lectura para os máis pequenos da casa que se celebrará cada terceiro sábado de mes.

Da man de Trini Puentes escoitamos fantásticas historias, dende as aventuras de Afonso na súa busca do libro perfecto, ás de Enrique, o incrible neno come libros. Nun momento de auténtica maxia, a Caixa das Palabras fíxose un oco para contarnos un divertidísimo conto a base de anacos de diferentes historias, as que cada un dos participantes lle foron dicindo ao oído...

A xornada rematou coa inauguración do mural "O meu conto favorito é...", no que os nenos e nenas puideron escribir o título do seu libro preferido, e que iremos completando ao longo do curso.

Finalmente repartimos os cadernos dos socios do club, no que cada mes iremos apuntando e mesmo debuxando aquelas historias que máis nos gusten. Estreamos este diario pegando na  primeira páxina a letra dunha canción que iremos cantando en cada unha das nosas xuntanzas.


A hora dos contos
De outubro a xuño, o terceiro sábado de mes ás 12.00 horas.

martes, 11 de octubre de 2011

Estoxos Viaxeiros. Colombia

O pasado sábado presentamos na biblioteca o noso primeiro Estoxo Viaxeiro, co que cada mes nos achegaremos a novos mundos, culturas e realidades diferentes.

Con este primeiro estoxo viaxamos ata Colombia da man dun dos nosos socios, Carlos Andrés, que de forma moi didáctica foinos  presentando a súa cultura, as súas festas, os seus costumes ou a súa gastronomía. Coñecimos así a realidade xeográfica do país, pero tamén aqueles aspectos que normalmente nos resultan máis descoñecidos, ligados á tradición. E para despedir a xornada, que mellor que facelo tomándonos unha da bebidas máis típicas de Colombia: a aguapanela.
 
Dende hoxe, o estoxo está a disposición de todas aquela familias que queirades gozar na casa cun anaquiño deste formidable país. Préstase durante unha semana e nel descubriredes unha selección de materiais relacionados con Colombia, xunto cun pequeno caderno no que poderedes anotar as vosas experiencias, de forma que entre todos vaiamos enriquecendo esta particular maleta.

No estoxo Destino Colombia podedes atopar:
  Un mapa mundi
  El diminuto Piti, de María Eliana Vélez
  Lonely Planet: Colombia (guía de viaxe)
  Grande éxitos de Shakira (CD)
  Un día normal de Juanes (CD)
  Billetes (6)
  Fichas didácticas sobre Colombia
  Quebracabezas de Colombia
  Saquiño de café
  Yeimi: chapas e pelota (xogo popular)
  Golosa (xogo popular)
  Poncho
  Caixiña de receitas (6)
  Libro para colorear: El renacuajo paseador
  Caderno de notas


Estoxos viaxeiros
De outubro a decembro, o segundo sábado de cada mes ás 12.00 horas
Próximo destino: Armenia

martes, 4 de octubre de 2011

Club de lectura

Ao longo deste mes de outubro todas aquelas persoas que gocen coa lectura poderán inscribirse no noso Club de lectura.

O club reunirase dúas veces ao mes (1º e 3º xoves de cada mes) para comentar e valorar un libro proporcionado pola propia biblioteca coa axuda dun coordinador. Non é preciso ser un experto lector para participar, o club está concibido para todas aqueles persoas con inquedanzas culturais, ganas de ler e de intercambiar ideas e opinións con outros lectores.
 

Comentaranse obras de distintos xéneros literarios, nun ambiente confortable e distendido co que animar aos participantes a gozar da literatura e a compartir cos demais membros do club as súas reflexións, de modo que sexa un foro de intercambio de ideas que sexa enriquecedor para todos.

Podedes descargar a ficha de inscrición no seguinte enlace: 

O Sabadiño do Roque

O pasado sábado 1 de outubro na Biblioteca Xosé Neira Vilas retomamos as actividades permanentes para os máis pequenos, e que mellor forma de facelo que presentando por primeira vez ao Roque, un simpático personaxe que como nós vive no Calvario, que adora a biblioteca e que o primeiro sábado de cada mes estará con nós para deleitarnos cos seus contos, cantigas e xogos. Acompáñano os seus amigos, Andrea e Óscar, e xuntos serán os encargados de facer que os Sabadiños do Roque sexan unha cita ineludible para nenos e nenas: aprenderemos cancións, escoitaremos fantásticas historias e faremos un sinfín de actividades que Roque nos irá propoñendo. Mes a mes elaboraremos tamén o noso propio conto colectivo, no que todos os participantes nesta fabulosa actividade poderán poñer o seu gran de area.

As fotos da primeira sesión están xa á vosa disposición no apartado "As nosas fotos".

O sabadiño do Roque
De outubro a xuño, o primeiro sábado de cada mes ás 12.00 horas

Pintando a Biblioteca


Entre o 19 e o 30 de setembro, o ilustrador Federico Fernández realizou un mural deseñado ex profeso para a Biblioteca Xosé Neira Vilas: trátase dunha máquina que recolle os libros, catalógaos e logo ordénaos no seu andel correspondente... o desexo de todo bibliotecario!



Durante a realización do mural a biblioteca mantivo os seus servizos habituais, polo que os usuarios puideron presenciar a evolución do traballo e observar ao artista ao longo do proceso creativo.

Federico Fernández é licenciado en Belas Artes, na especialidade de pintura, pola Universidade de Vigo, e ao longo da súa carreira ten participado en numerosas exposicións de pintura e gravado, tanto individuais como colectivas. En 2002 recibiu o Premio ás Mellores Ilustracións de Libros Infantís e Xuvenís por Onde perdeu Lúa a risa?. Actualmente é profesor na Escola de Artes e Oficios de Vigo e traballa como ilustrador para as editoriais Kalandraka e Xerais.

Segundo el mesmo explica “son un ilustrador que provén do mundo da pintura, ou un pintor que se colou entre os ilustradores, en calquera dos dous casos a miña relación cos pinceis é bastante estreita, e a miña paixón por eles logrou que con tempo me den de comer. Pero antes de que iso chegase a ocorrer, desempeñei traballos do máis diverso e para nada relacionados cos pinceis: pizzeiro, mensaxeiro, oficinista... pero sempre coa idea de poder vivir facendo o que máis me gusta (e coido que o único que sei facer porque en todos os demais traballos era malísimo): pintar. Por iso poño todo o meu empeño en conseguir que isto sexa algo máis que un traballo. Espero que vos guste".


Podedes ver todo o proceso creativo do mural na sección "As nosas fotos".

sábado, 1 de octubre de 2011

Autor do mes: Domingo Villar

Domingo Villar, nado en Vigo, vive en Madrid onde traballou coma guionista de televisión e de cinema. Dende hai anos é crítico gastronómico nunha emisora da radio nacional e colaborador habitual en diversas publicacións escritas. 
 
No 2006 publica a súa primeira novela Ollos de auga, unha apaixonante historia policial desenvólvese na cidade olívica e arredores. Protagonizada polo lacónico inspector Leo Caldas e polo seu axudante, Rafael Estévez, un aragonés destinado na cidade. Con este primeiro traballo obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento (concedido por alumnos e alumnas lectores de toda Galicia) e, coa súa tradución para o castelán (Editorial Siruela), os premios Sintagma e Brigada 21. Tamén foi finalista en dúas categorías dos Crime Thriller Awards en Gran Bretaña. Publicada en doce países, a primeira novela protagonizada polo inspector Leo Caldas é un dos libros máis vendidos entre os lectores galegos.

 A praia dos afogados é a obra que consolidou a Domingo Villar coma un dos grandes escritores actuais deste xénero negro. O noso autor do mes volve introducir ó lector nunha intriga sen acougo nesta obra. Unha pescuda policial que salferida de humor e con grandes doses de suspense mergulla ó lector no mundo da Galicia mariñeira, dende os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as tabernas da cidade. Esta obra foi galardoada cos Premio Frei Martín Sarmiento 2011 na categoría de adultos, Libro do Ano nos Premios Irmandade do Libro 2009, Premio Losada Diéguez de Creación Literaria e o Premio Brigada 21 de novela negra, e foi finalista do International Dagger Prize 2011.

Títulos que se poden atopar na biblioteca:

- Ollos de auga, Vigo: Galaxia, 2010.
- A praia dos afogados,Vigo: Galaxia, 2010.

Estes títulos están traducidos a seis idiomas, castelán e inglés entre eles.