miércoles, 28 de septiembre de 2011

Programación trimestral da Biblioteca Xosé Neira Vilas


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a concelleira de Cultura e Festas, Isaura Abelairas, presentaron hoxe na Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas a programación trimestral de actividades  dirixidas aos nosos usuarios.

Así, a partir deste sábado 1 de outrubro arrincan as nosas actividades permanentes, coas que queremos achegar a biblioteca, os seus recursos e os seus servizos a todos aqueles que queiran gozar con nós da lectura.


O sabadiño do Roque. Actividade para nenos/as 
Os nosos Sabadiños voltan á biblioteca da man dun amigo moi especial, o Roque. De outubro a xuño poderedes gozar cos seus contos, cantigas, xogos e moitas máis aventuras. Convidámosvos a que o veñades coñecer!
Cando? O primeiro sábado de cada mes, de outubro a xuño.

Estoxos viaxeiros. Actividade para as familias
Con esta actividade viaxaremos polo mundo coñecendo novos países e diferentes culturas cos "Estoxos viaxeiros", unha actividade para toda a familia.
Cando? O segundo sábado de cada mes, de outubro a decembro.

A hora dos contos. Contacontos cun Diario de Lecturas
Abren tamén as portas do Club da biblioteca para os máis pequenos coa "Hora dos contos", que poderemos seguir cos nosos propios diarios de lectura. 
Cando? O terceiro sábado de cada mes, de outubro a xuño.

Todas estas actividades e moitas máis están á vosa disposición  no seguinte enlace: 

sábado, 17 de septiembre de 2011

Na volta do verán. Ciclobiblioteca

Continuando coas actividades desta volta do verán, hoxe ás 12.00 o bardo Abelardo percorreu o paseo do Calvario coa súa ciclobiblioteca, convidando a todos os transeúntes a reunirse ao redor do seu carro para escoitar fermosas historias animadas sempre pola música do seu acordeón. 

Despois, os máis pequenos poideron gozar da lectura dos libros que o bardo leva na súa ciclobiblioteca, e para rematar, despediu a xornada cunha divertida canción que corearon grandes e cativos, convidando a todos  os participantes a visitar a Biblioteca Xosé Neira Vilas. Dende aquí, non podemos máis que recomendarvos que sigades o seu consello!

viernes, 16 de septiembre de 2011

Na volta do verán. Contacontos

Para comezar con bo pé o novo curso escolar na Biblioteca Xosé Neira Vilas celebramos na tarde de hoxe unha sesión de contacontos na que o Bardo Abelardo deleitou a grandes e pequenos coas súas historias e as súas cantigas. Visitáronnos trasnos, fadas e todo tipo de seres fantásticos, e a través de relatos como o de Vicentiño e as árbores da paz este simpático xograr foi quen de concienciarnos do importante que é manter limpo o noso planteta.

E para continuar con esta festa de principio de curso, o bardo Abelardo percorrerá mañá o paseo do Calvario coa súa ciclobiblioteca, cautivándonos de novo coas súas historias e a máxica música do seu acordeón. A cita é ás 12.00h fronte ao mercado, non o perdades!

Todas as imaxes, como sempre, na sección "As nosas fotos"

viernes, 9 de septiembre de 2011

Apertura da Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas



Hoxe a Biblioteca Xosé Neira Vilas abriu de novo as súas portas tras a instalación durante o mes de agosto do mobiliario definitivo da mesma. Convidámosvos a vir a gozar das novas instalacións e servizos, e lembrámosvos o noso horario de apertura:


Horario ordinario (do 16 de setembro ao 14 de xuño)
Luns: de 17.00 a 20.30h.
De martes a venres: de 11.00 a 14.00h e de 17.00 a 20.30h.
Sábados: de 11.00 a 14.00h.


Horario de verán (do 15 de xuño ao 15 de setembro)
Luns: de 18.00 a 20.30h.
De martes a venres: de 11.00 a 14.00h e de 18.00 a 20.30h.
Sábados: de 11.00 a 14.00h.