sábado, 30 de julio de 2011

Verán de 4 a 4. Camiño da Lingua

O Verán de 4 a 4 que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo segue a levar por diferentes lugares da cidade actividades dirixidas aos máis pequenos da casa, e onte de novo a Biblioteca Xosé Neira Vilas sumouse a esta iniciativa acollendo a actividade Camiño da Lingua.

Así, os asistentes participaron neste particular xogo da oca, no que  aprotagonista era neste caso unha simpática buxaina. A través das distintas casas os participantes tiveron que ir sorteando probas de todo tipo, coas que se achegaron por  un lado á historia da cidade e por outro á lingua galega. Deste xeito aprendimos quen vivía no Castro, canta xente cabe no estadio de Balaídos, curiosos trabalinguas en galego ou que significan expresións como "chegar e encher". Todas as imaxes da actividade están á vosa disposición na sección "As nosas fotos".

A próxima parada do Verán de 4 a 4 na Biblioteca Xosé Neira Vilas terá lugar o vindeiro 12 de agosto ás 12.00 horas, coa actividade Na busca dos libros perdidos.

Podedes consultar toda a información sobre o programa de actividades no seguinte enderezo:

lunes, 18 de julio de 2011

Os Sabadiños. Qué lío cósmico!

O pasado 16 de xullo tivo o lugar o último dos nosos Sabadiños da tempada, rematando o ciclo case onde o comezamos, no ceo, da man do conto de Montserrat Balada Qué lío cósmico!. Coñecimos así ao gran profesor Estelarius, que un día de chuvia descubre que o universo está patas arriba e non ten máis remedio que descubrir que está pasando. Todos os participantes convertéronse durante a historia en planetas, nubes, estrelas, pingueiras de chuvia, arcos da vella...  que durante un día deciden tomarse un descanso e organizar unha festa por todo o alto!

Rematada a historia, tocou poñerse mans á obra para realizar un novo mural, e nesta ocasión tocou animar o ceo da cidade con todo tipo de cousas: avións, paxaros, estrelas, planetas e mesmo superheroes e alieníxenas! Como non, todo o transcurso desta animada xornada podedes velo na sección "As nosas fotos!".

Despedímonos así dos Sabadiños ata o mes de setembro, no que retomaremos as actividades de animación á lectura para familias. Agardamos que gozásedes destas sesións coas que quixemos achegar aos máis pequenos o marabilloso mundo dos libros. Para nós, o equipo da Biblioteca Xosé Neira Vilas, foi un pracer compartir convosco estas historias semana tras semana. Moitas grazas.

martes, 12 de julio de 2011

Os Sabadiños. Vamos a cazar un oso

Outra semana e outro Sabadiño na Biblioteca Xosé Neira Vilas, no que nesta ocasión convidamos a todos os participantes a ir de excursión  seguindo os pasos da familia do fermoso conto de Michael Rosen Vamos a cazar un oso. Así, provistos de gran valentía, seguimos á nosa compañeira Mar a través dun xardín, atravesando un río e un camiño enlameado, para despois cruzar un bosque e escapar dunha  enorme tormenta... ata chegar á cova dun terrible oso que perseguiu a nenos e maiores por toda a biblioteca ata que estiveron seguros na zona infantil.
 
Pasado o susto e finalizada esta aventura, todos os participantes colaboraron na elaboración dun mural e axudáronnos a encher de vida unha fermosa paisaxe de montaña.



Como sempre, todas as imaxes da xornada na sección "As nosas fotos".


Próxima sesión: sábado 16 de xullo
Conto: Qué lío cósmico!

viernes, 8 de julio de 2011

Verán de 4 a 4. Obradoiro de Monicreques

Durante os meses de verán o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo está a programar actividades de ocio dirixidas aos máis pequenos, que se van celebrar en distintas prazas e praias da cidade, e como non, tamén na Biblioteca Xosé Neira Vilas.

Así, hoxe pola mañá tivo lugar no espazo infantil un divertidísimo obradoiro de monicreques, no que cada un dos participantes puido dar vida ao seu propio personaxe con só un pouco de papel de cores, pegamento, tesoiras e sobre todo moita imaxinación! Podedes ver as fantásticas creacións dos nosos artistas na sección de "As nosas fotos".

Próxima actividade na biblioteca: Camiño da lingua. Venres 29 de xullo ás 12.00 h.

Tedes toda a información das actividades de Verán de 4 a 4 no seguinte enlace:

martes, 5 de julio de 2011

Os Sabadiños. Nadarín

Inauguramos o mes de xullo cunha nova sesión dos nosos Sabadiños, que semana tras semana ofrecen ás familias que se achegan á biblioteca divertidas xornadas de animación á lectura.
Coa chegada do verán e as altas temperaturas apetecínos mergullarnos no mar, e fixémolo da man de Anxo, que nos achegou a historia de Nadarín e ensinounos que se colaboramos uns cos outros podemos conseguir todo o que nos propoñamos.



Convertidos nunha bancada de peixes vermellos saímos esta vez á terraza da biblioteca para traballar no mural dun fermoso océano ao que demos vida coas criaturas máis diversas...


Todo o que deu de si esta refrescante mañá de sábado podedes velo na sección "As nosas fotos"!






Próxima sesión: sábado 9 de xullo
Conto: Vamos a cazar un oso