miércoles, 29 de junio de 2011

Os Sabadiños. Que bonito é Panamá


O último Sabadiño do mes de xuño levounos moi lonxe de aquí, nada máis e nada menos que a Sudamérica! A nosa compañeira Mar foi a encargada nesta ocasión de mergullarnos nas aventuras de Pequeno Oso e Pequeno Tigre, progagonistas da fermosa historia de Janosch Que bonito é Panamá!, unha viaxe de ida e volta ao fogar na que os progagonistas teñen a ocasión de coñecer a numerosos amigos e descubrir a beleza do lugar no que viven.

 
Como sempre, acabamos esta fantástica xornada de animación á lectura cunha actividade creativa: tocounos poñernos mans á obra para facer un bote para lapis, decorado cos personaxes do conto e que esperamos que sirva para que os participantes teñan todo o seu material ben organizado!

Todas as imaxes da xornada na sección "As nosas fotos"

Próxima sesión: sábado 2 de xullo
Conto: Nadarín

martes, 21 de junio de 2011

Os Sabadiños. Onde viven os monstros


Quedou atrás o terceiro dos nosos Sabadiños, a actividade de animación á lectura que vos propoñemos dende Biblioteca Xosé Neira Vilas  para amenizar as mañás dos sábados de xuño e xullo, e que semana tras semana consolida o seu éxito, cunha participación cada vez maior de nenos e maiores.
Nesta ocasión tocaba falar de monstros, e que mellor forma de facelo que da man de Maurice Sendak e o seu clásico Onde viven os monstros. Así, os asistentes a estas divertidas xornadas gozaron coas aventuras de Max e foron partícipes das súas trasnadas: ruxiron, bailaron e convertíronse en verdadeiros monstros acompañados por Noelia, encargada de animar esta "terrorífica" sesión.

Finalmente, cada neno puido elaborar a súa propia criatura, como sempre con materiais de refugallo: uns simples cartóns de leite servíronnos para dar vida aos monstros máis temibles, aos que podedes botar unha ollada na sección "As nosas fotos". Tende coidado, podedes levar un bo susto...
 
Próxima sesión: sábado 25 de xuño
Conto: Que bonito é Panamá

lunes, 13 de junio de 2011

Os Sabadiños. Mamá gansa e as vogais

Pasou xa o segundo dos nosos Sabadiños, e de novo nenos e maiores gozaron desta xornada de animación á lectura na que A mamá gansa e as vogais foron os protagonistas. Dun xeito ameno e divertido, repasamos os números e axudamos á mamá gansa a atopar as vogais perdidas na biblioteca.

Tras unha breve pausa musical, continuamos a nosa busca, nesta ocasión das palabras perdidas de varios minicontos que atopamos en forma de pictogramas.

 
E para rematar esta axetreada mañá de sábado, todos os participantes puideron facer o seu propio marcapáxinas e levalo para casa. Agardamos que lle dean moito uso!

Como sempre, todas as imaxes deste Sabadiño están na sección "As nosas fotos".


Próxima sesión: sábado 18 de xuño
Conto: Onde viven os monstros

lunes, 6 de junio de 2011

Os Sabadiños. A que sabe a lúa?

O pasado sábado celebramos na Biblioteca Xosé Neira Vilas o primeiro dos nosos Sabadiños, que terán lugar cada semana ás 12.00 horas ata mediados do mes de xullo.
Nesta ocasión, o noso compañeiro Anxo amenizou a velada co conto A que sabe a lúa?, un clásico da literatura infantil  que fixo as delicias de grandes e pequenos. Un a un, distintos animais do bosque deciden colaborar xuntos para conseguir un único obxectivo: probar a que sabe a lúa. Tamén os partipantes nesta xornada de animación á lectura puideron saboreala, xa que ao final do conto agardábaos unha formidable sorpresa: un cofre máxico tiña no seu interior anaquiños de lúa que todos puideron probar.


Para rematar a actividade, cada un dos nenos participantes puido elaborar un monicreque do seu animal preferido con materiais tan sinxelos como calcetíns, teas ou las.

Podedes ver todas as fotos desta divertida mañá de sábado no apartado "As nosas fotos".


Próxima sesión: sábado 11 de xuño
Conto: Mamá gansa e as vogais



miércoles, 1 de junio de 2011

Os Sabadiños


Os sábados do mes de xuño e ata mediados de xullo celebramos na Biblioteca Xosé Neira Vilas Os Sabadiños, unhas divertidas xornadas de animación á lectura onde se desenvolverán diversas actividades encamiñadas en fomentar nos nenos e nenas o gusto polos libros. Todas as sesións comezarán presentando un conto no cal os participantes irán interactuando, para continuar despois cun obradoiro relacionado coa lectura de cada día. Desta forma, ao tempo que os máis pequenos da casa se familiarizan con algunhas das historias clásicas da literatura infantil, promovemos a súa creatividade a través de diferentes actividades manuais nas que poderán desenvolver as súas habilidades artísticas.

Datas: 4, 11, 18 e 25 de xuño e 2, 9 e 16 de xullo
Horario: de 12.00 a 13.15 horas
Destinatarios: Nenos/as de 5 a 10 anos.

Achégate a Internet


A Biblioteca Xosé Neira Vilas comeza mañá un curso de achegamento a Internet dirixido a todas aquelas persoas que queiran iniciarse no manexo dos ordenadores e nas posibilidades que ofrece a rede. Ao longo dos meses de xuño e xullo, dúas veces por semana, levaranse a cabo estas sesións, formativas, que serán predominantemente prácticas e que estarán orientadas a adquirir uns coñecementos informáticos básicos: crear documentos, cartafoles, acceder a internet, usar o correo electrónico, etc.


Datas: do 2 de xuño ao 21 de xullo (martes e xoves)
Horario: de 11.00 a 12.00 horas.
Destinatarios: Persoas para maiores de 16 anos con escasos ou ningún coñecemento de informática ou Internet.
Aforamento completo