jueves, 19 de mayo de 2011

Lois Pereiro. Recital poético-visual



O pasado luns 16 de maio ás 19.00 horas a Biblioteca Xosé Neira Vilas, dentro das actividades de conmemoración do Día das Letras Galegas, acolleu unha lectura pública e un recital poético-visual adicado ao homenaxeado neste ano 2011, Lois Pereiro.

O acto, ao que se achegou numeroso público, comezou coa lectura aberta da biografía do poeta, repasando os momentos máis salientables da súa vida e presentando así mesmo a súa obra. Tras este primeiro achegamento á figura de Lois Pereiro, no que participou o concelleiro de Cultura Xesús López Carreira, os escritores Olga Patiño e Francisco Fernández Naval deleitáronnos a dúo cun recital poético no que interpretaron algúns dos versos máis significativos do poeta monfortino. Acompañounos nesta homenaxe a fotógrafa Maribel Longueira, que presentou un poema visual adicado a Lois Pereiro e realizado ex profeso para a ocasión.

Para pechar a velada, algúns dos asistentes á homenaxe  animáronse tamén a recitar tanto creacións propias adicadas a Pereiro, como versos dalgúns dos nomes máis destacados das noas letras.

Podedes consultar todas as imaxes do recital na sección "As nosas fotos".

viernes, 13 de mayo de 2011

Día das Letras Galegas 2011. Lois Pereiro



A Biblioteca Xosé Neiras Vilas, continuando coas actividades conmemorativas do Día das Letras Galegas, organiza o vindeiro luns 16 de maio, ás 19.00 horas, unha lectura pública na que se fará un percorrido polos momentos máis importantes da vida do homenaxeado este 2011, o poeta monfortino Lois Pereiro, máximo representante da contracultura dos anos oitenta e unha das voces máis persoais da lírica galega de finais do século XX. Dará comezo a esta lectura o concelleiro de cultura, Xesús López Carreira, seguido de todas aquelas persoas que queiran sumarse a esta homenaxe.

A continuación celebrarase un recital poético-visual a cargo da poeta Olga Patiño, que acompañada do escritor Francisco Fernández Naval e a fotógrafa Maribel Longueira, ofreceranos un espectáculo no que a palabra e a imaxe se fusionan ao redor dos versos de Lois Pereiro.

martes, 10 de mayo de 2011

Presentación do libro Toponimia do Val do Fragoso. Lavadores


Hoxe ás 18:00 h. da tarde o Concelleiro de Cultura, Xesús López Carreira, e o Vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, presentaron  ante un interesado público o segundo volume de Toponimia do Val do Fragoso: Lavadores. A obra, de Iván Sestay, fai un exhaustivo estudo dos topónimos do barrio de Lavadores, afondando na súa orixe e nos seus significados.
 
Proximamente a Biblioteca Xosé Neira Vilas acollerá un coloquio co autor, que compartirá con todas aquelas persoas interesadas as súas investigacións ao redor desta histórica parroquia.

lunes, 9 de mayo de 2011

Lois Pereiro: Mostra bibliográfica



Dentro das actividades de celebración do Día das Letras Galegas e de difusión do autor homenaxeado este ano, o poeta Lois Pereiro, a Biblioteca Xosé Neira Vilas exporá nas súas instalacións unha escolma da bibliografía publicada ao redor do escritor, que poderán consultar todas as persoas usuarias do centro e que favorecerá o achegamento á súa vida e á súa obra. De forma complementaria, e a través de diferentes paneis informativos, farase un breve percorrido polos momentos máis significativos da súa vida, analizando tamén as súas creacións máis importantes.   

Do 9 ao 21 de maio de 2011
Horario de apertura da biblioteca



Exposición: Coñecendo a Lois Pereiro




Co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas e a figura homenaxeada este ano, o poeta Lois Pereiro, e no seu afán de converterse nun centro de referencia, formación e información, a Biblioteca Xosé Neira Vilas exporá nas súas instalacións unha pequena mostra composta a base de paneis informativos que farán un breve percorrido polos momentos máis significativos da súa vida e que analizará as súas creacións máis importantes.

Desta maneira a Biblioteca Neira Vilas quere contribuír achegar á cidadanía a figura de Lois Pereiro, unha das voces máis innovadoras da lírica galega de finais do século XX, pero tamén das máis descoñecidas.

A mostra poderá verse do luns 9 de maio ata o vindeiro sábado 21, no horario de apertura da biblioteca.

viernes, 6 de mayo de 2011

Presentación do libro Toponimia do Val do Fragoso. Lavadores


O vindeiro martes 10 de maio ás 18:00h o Servizo de Normalización Lingüística e a Universidade de Vigo presentan na Biblioteca Xosé Neira Vilas o libro Toponimia do Val do Fragoso. Lavadores  (volume II), pertencente á colección sobre a toponimia das parroquias do Concello de Vigo.


martes, 3 de mayo de 2011

Premio de Arquitectura Enor 2011

A Biblioteca Xosé Neira Vilas

O proxecto das instalacións da Biblioteca Xosé Neira Vilas foi seleccionado este ano para participar no V Premio de Arquitectura Ascensores Enor. 

O deseño da Biblioteca, que correu a cargo de Xosé Carlos Rodríguez Otero,  está entre os seleccionados deste ano para o "Premio Ascensores Enor de Galicia", que se entregarán o vindeiro 14 de novembro no teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo. As obras seleccionadas incluiranse no libro que editará o Grupo de Ascensores Enor con motivo da celebración do citado premio, que edición tras edición consolida o seu prestixio a nivel nacional.

Premios AELG 2011



A Asociación de Escritores en Lingua Galega entrega os seus premios anuais na Cea das Letras.

O pasado sábado 30 de abril a AELG fixo entrega dos seus galardóns, que premian as mellores obras editadas en 2010 en diferentes modalidades.

A continuación referimos as obras premiadas:
  • Literatura Infanto-xuvenil: O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro.
  • Narrativa: Todo é silencio, de Manuel Rivas.
  • Poesía: Estremas, de Ana Romaní.
  • Teatro: Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo.
  • Ensaio: O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.
  • Tradución: Marga do Val, pola tradución de Randea do alento (de Herta Müller).
  • Mellor Traxectoria en Xornalismo Cultural: Ramón Nicolás.
  • Mellor Blog Literario: O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.

Alén destas categorías, entregáronse outros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

  • O Premio Institución Cultural que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano foi para a Fundación Penzol, por ser un proxecto de país, creado para permanecer e dar ás novas xeracións o noso legado cultural, e que chanta as súas raíces na necesidade de crear unha biblioteca e un centro de documentación e de estudos da nosa lingua e da nosa literatura. A Fundación Penzol leva achegado ao longo de case que medio cento de anos froitos xenerosos e necesarios á cultura do noso país, pois o seu carácter aberto acolle a todos os investigadores e investigadores que aos poucos van deitando a necesaria luz sobre a historia cultural de noso.
  • O Premio AELG 2011 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor Antonio Gamoneda, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.

Autor do mes: Paul Auster


Paul Auster, nado o 3 de febreiro de 1947 en Newark, New Yersey, é un escritor estadounidense. Parte da súa obra está ambientada na cidade de  Nova York. Na súa mocidade traduciu poesía francesa, e foi tamén poeta antes de orientarse cara á novela. Ten traballado así mesmo para o cine; seus son os guións de Smoke, Blue in the Face e Lulu on the Bridge. Mentres residía en Brooklyn obtivo o Premio Médicis en 1993 pola novela de Leviatán. No ano 2006 recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras.

Algúns títulos publicados en castelán:

-Trilogía de Nueva York
-El país de las últimas cosas
-La invención de la soledad
-El palacio de la Luna
-La música del azar
-Leviatán
-El cuaderno rojo
-Mr. Vértigo
-Tombuctú
-El libro de las ilusiones
-La noche del oráculo
-Brooklyn Follies
-Viajes por el Scriptorum
-Invisible
-Sunset Park

Algúns títulos publicados en galego:

-Mr. Vértigo-Tradución galega de Xosé Antón López Dobao
- Brooklyn Follies- Tradución galega de Eva Almazán 
-Viaxes no Scriptorium-Tradución galega de Eva Almazán
-Un home na escuridade-Tradución galega de Eva Almazán.
-Invisible-Tradución galega de Eva Almazán
-Sunset Park-Tradución galega de Eva Almazán