martes, 26 de abril de 2011

Consulta do catálogo da biblioteca en internet

Vista do OPAC (catálogo público en liña)


Dende hoxe o catálogo da Biblioteca Xosé Neira Vilas está accesible en internet  dende o noso blog ou no seguinte enlace:


Unha vez dentro poden facerse buscas no fondo da bilioteca de forma sinxela, avanzada, xerárquica... Tamén se poden consultar aqueles fondos máis solicitados, os que máis se prestan e unha ampla gama de posibilidades máis.

Da mesma forma, as persoas usuarias da bilioteca poden acceder á súa sesión privada, na que poden consultar o estado dos seus préstamos, facer reservas de libros, suxestións de compra de novos fondos ou comentarios aos libros que queiran compartir co resto dos/as socios/as.

Toda a información sobre o funcionamento do catálogo en liña e as súas posibilidades está dispoñible nas pestanas laterais da páxina principal do OPAC.

Obradoiro de Encadernación

O pasado mércores 20 de abril a Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas celebrou, para conmemorar o Día do Libro, un obradoiro de encadernación no que os participantes puideron aprender as técnicas xaponesas de cosido.

Tras unha pequena aproximación á historia da encadernación no país nipón, os asistentes a este obradoiro puxéronse mans á obra, e provistos de punzón, agulla e fío elaboraron o seu propio caderno seguindo as indicacións de Susana, que de forma amena e didáctica ao mesmo tempo conduciu este interesantísimo obradoiro.

Podedes consultar todas as fotos do evento na sección "As nosas fotos" do blog.

martes, 12 de abril de 2011

Obradoiro de Encadernación

Costura
Xaponesa


Mércores 20 de abril
ás 19.00 h.

Con motivo da celebración do Día do Libro (23 de abril), o mércores 20  a biblioteca organiza un obradoiro de encadernación no que se ensinará o emprego da técnica xaponesa de cosido para que cada participante poida crear o seu propio caderno.


A actividade  ten un límite de 20 prazas e está dirixida a persoas a partir de 12 anos. Se queres participar non tes máis que anotarte, ben chamando por teléfono ou enviándonos un correo electrónico indicando nome e apelidos, un teléfono de contacto e un e-mail.






viernes, 8 de abril de 2011

AUTOR DO MES: HARUKI MURAKAMI



Haruki Murakami naceu o 12 de xaneiro de 1949 en Quioto, Xapón e é un popular escritor e tradutor. Estudou literatura na Universidade de Waseda. O seu peculiar estilo narrativo converteuno nun autor de referencia en todo o mundo. Recibiu numerosos premios ao longo da súa carreira profesional: Noma, Tanizaki, Yomiuri... E no 2011 o XXIII Premio Internacional de Catalunya, que outorga a Generalitat de Catalunya, así como o Arcebispo Juan de San Clemente concedido por estudantes galegos.
As críticas literarias ven a Murakami como o autor capaz de constituír unha ponte entre Occidente e Oriente.

Bibliografía :

-After Dark
-Crónica del pájaro que da cuerda al mundo
-Tokio Blues
-Kafka en la orilla
-Sauce viejo, mujer dormida

-El fin del mundo y un despiadado país de las maravillas
-De qué hablo cuando hablo de correr
-1Q84

Algunhas das súas obras traducidas ao galego:

-Tras do solpor
-Do que estou a falar cando falo de correr
-1Q84

martes, 5 de abril de 2011

2ª ACTIVIDADE DE ANIMACIÓN Á LECTURA NA BIBLIOTECA


O sábado 2 de abril, para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, celebramos na Biblioteca Xosé Neira Vilas un obradoiro na que nos achegamos á figura de Hans Christian Andersen e aos seus contos máis coñecidos, entre eles o de "O traxe novo do emperador". 

Máis de 30 cativos/as poideron gozar despois elaborando coas súas propias mans un personaxe de conto e deseñando a súa particular vestimenta.

Podedes ver todas as imaxes desta divertida sesión na sección "As nosas fotos" do blog!