miércoles, 30 de marzo de 2011

Obradoiro Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil



Sábado 2 de abril
ás 12.00 h.

Co gallo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, na Biblioteca Xosé Neira Vilas unímonos ao obxectivo da UNESCO de promover a difusión do libro entre os máis novos, coa fin de fomentar o seu enriquecemento cultural.  Así, para festexar o nacemento duns dos autores máis célebres da literatura infantil, Hans Christian Andersen, organizamos un obradoiro no que nos achegaremos á figura do escritor a través súas historias máis coñecidas. Despois de que entre todos lembremos o conto "O traxe novo do emperador", converterémonos en verdadeiros xastres e confeccionaremos as nosas propias roupas de conto.

A actividade dura 90 minutos e está recomendada para nenos/as entre 5 e 12 anos, que quedarán sós na biblioteca durante o taller, tendo que deixar os pais/nais/responsables unha autorización asinada.

O aforamento é limitado e a entrada farase por estricta orde de chegada.

sábado, 26 de marzo de 2011

Primeira actividade de animación á lectura na Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas




Esta mañá, a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas celebrou a primeira das súas actividades de animación á lectura, que consistiu nunha sesión de contacontos a cargo dos Ratiños da Caixa, que nos amenizaron con tres simpáticas historias de Arnold Lobel. A actividade contou coa participación de numerosos nenos e nenas acompañados dos seus pais e nais, que ao longo da actuación riron, cantaron e gozaron animados polo noso particular ratiño de biblioteca.

Os ratiños da caixa, actividade contacontos


Hoxe, sábado 26 de marzo
ás 12.00 h.

A primeira das actividades correrá a cargo dos ratiños da caixa; un ratiño que vive coa súa familia na nosa biblioteca e invítanos a todos aqueles que queiran asistir a unha suculenta merenda no xardín da súa casa. O menú , como non, contos ... de aquí e de alá, de antes e de hoxe, que lle teñen contado ou que ten lido.
A actividade terá un aforamento limitado. Esta actividade é aconsellable para nenos entre 3 e 10 anos, sempre acompañados dos seus pais.

jueves, 24 de marzo de 2011

Inauguración da Biblioteca Xosé Neira Vilas



Esta tarde ás 18:00h o Tenente de Alcalde, Santiago Domínguez Olveira, o Concelleiro de Cultura, Xesús López Carreira, e o Director Xeral do Libor, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López Rodríguez, inauguraron a Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas. O acto, ao que acudiu o propio Neira Vilas e que contou coa presenza de numeroso público e autoridades, estivo amenizado por Cándido Pazó, que presentou parte do seu espectáculo “Memoria das Memorias dun neno labrego”.

Abre así as súas portas a primeira biblioteca de proximidade da cidade de Vigo, co obxectivo de satisfacer as necesidades e inquietudes culturais e informativas da poboación que vive na zona do Calvario-Lavadores e de converterse nun lugar de referencia e de encontro, contribuíndo ao mesmo tempo ao desenvolvemento local.

lunes, 21 de marzo de 2011

Inauguración da Biblioteca Xosé Neira Vilas

O vindeiro xoves 24 de marzo abrirá as súas portas a nova Biblioteca Xosé Neira Vilas.