lunes, 19 de diciembre de 2011

Programación de Nadal


 CONVIDÁMOSVOS A CELEBRAR O NADAL NA BIBLIOTECA! 

O Nadal son datas moi especiais para todos, por iso na Biblioteca Xosé Neira Vilas queremos celebralas con todos vós organizando unha serie de actividades para toda a familia que nas que vos convidamos a participar.


Do 14 de decembro de 2011 ao 3 de xaneiro de 2012
Buzón Real

Dende o día 14, teremos a disposición de todos os nenos e nenas un Buzón Real, no que poder deixar as cartas escritas aos Reis Magos, que virá a buscar un Paxe Real o día 3 de xaneiro!


Martes 20 de decembro de 2011 ás 18.00 h
Os contos de Pablísimo

Comezamos as nosas actividades de Nadal cunha xornada especial de contacontos da man do xenial Pablísimo, que visita de novo a Biblioteca Xosé Neira Vilas para presentarnos os seus "Contos con ovos", unha sesión moi moi redondiña onde os protagonistas son os ovos... e o que sae deles!

Destinatarios: Actividade para nenos entre 3 e 10 anos
Aforamento: Entrada libre ata completar aforamento


Mércores 21 de decembro de 2011 ás 18.00 h
Obradoiro de Nadal

Realizaremos postais de Nadal con diferentes materiais e escribiremos as nosas cartas aos Reis Magos.

Destinatarios: Actividade para nenos entre 3 e 10 anos
Aforamento: Entrada libre ata completar aforamento


Do 27 de decembro de 2011 ao 3 de xaneiro de 2012
Un mundo de títeres. Mostra de monicreques

Viravolta títeres ofrécenos esta mostra dos materiais empregados nos seus espectáculos: teatriños, vestiarios, decorados, atrezzo e marionetas. Tamén monicreques e libros de distintas partes do mundo que amosan as variedades técnicas tanto de construción como de manipulación. Unha mostra na que os visitantes poderán fomentar a súa atracción polo mundo dos títeres e coñecer o interior dun teatriño.

En horario de apertura da biblioteca


Martes 27 de decembro de 2011 ás 18.00 h
O Galo Quirico (monicreques)

Na inauguración da mostra de monicreques, represéntase o conto O Galo Quirico, seguindo a versión de Bernardino Graña, xunto con algúns números de marionetas tradicionais no que os espectadores participarán activamente cantando e danzando.
Unha atractiva posta en escena con marionetas e teatriño de cartón con música en directo!

Destinatarios: Actividade para nenos entre 3 e 10 anos
Aforamento: Entrada libre ata completar aforamento


Mércores 28 de decembro de 2011 ás 18.00 h
O Quiquiriquí

Preséntase na biblioteca o libro-disco O Quiquiriquí. Cantos para o Nadal", unha actividade para toda a familia na que se proxectará un pequeno documental e se realizarán unha serie de actividades de dinamización como xogos, cantigas, etc.

Destinatarios: Actividade para nenos entre 3 e 10 anos
Aforamento: Entrada libre ata completar aforamento


Venres 30 de decembro de 2011 ás 20.00 h
Cesta de libros

Para celebrar que remata o 2011, o primeiro ano de vida da Biblioteca Xosé Neira Vilas, premiaremos aos lectores máis activos de cada categoría (adulto e infantil) cun lote de libros para que poidan comezar o 2012 gozando das mellores lecturas.

Destinatarios: Todos os usuarios da biblioteca

Martes 3 de xaneiro de 2012 ás 18.00 h
Obradoiro de títeres

Para pechar a mostra de monicreques, celebraremos un obradoiro no que construiremos un títere ou un cabezudo sinxelo, empregando as ferramentas básicas de construción, obtendo un resultado que ao final será moi gratificante para os participantes.

Destinatarios: Actividade para nenos entre 3 e 10 anos
Aforamento: 30 prazas (Previa inscrición)*

*Inscrición para o obradoiro:
Os interesados en participar neste obradoiro poden formalizar a súa inscrición do 23/12/2011 ata o 3/01/2011 na biblioteca ou no teléfono 986 267 759. O obradoiro é gratuíto e consta de 30 prazas (preferencia por orde de inscrición).

Martes 3 de xaneiro de 2012 ás 19.00 h
Visita do Paxe Real

O Paxe Real e o axudante dos Reis Magos veñen á biblioteca para recoller as peticións de agasallos dos nenos e levarllas ás súas maxestades.
Destinatarios: Actividade para toda a familia


DENDE A BIBLIOTECA XOSÉ NEIRA VILAS DESEXÁMOSVOS FELICES FESTAS

1 comentario:

  1. Nico agradecevos toda-las actividades que facedes para todos os da casa. Noraboa

    ResponderEliminar