lunes, 19 de diciembre de 2011

A hora dos contos. O Nadal

Neste mes de decembro, a nosa cita coa Hora dos Contos, que cada terceiro sábado nos ofrece a xenial Trini, non podía falar doutro tema que non fose o Nadal...

Así, escoitamos a historia dunha árbore de Nadal que ninguén quere e que da man duns nenos moi mañosos se transforma na árbore máis bonita de todas. Tamén coñecemos a Antón o Apalpador, que vai polas aldeas do Caurel apalpando a barriga dos nenos na noite do 24 de decembro. Tampouco faltaron no repertorio os Reis Magos, nin clásicos destas datas, como o Conto de Nadal de Charles Dickens.

Despois de escoitar os contos de Trini, chegou o turno de que os membros do noso club puidesen ler tamén as historias que van escribindo no seu caderno, todas elas fantásticas!!

Para rematar a mañá, o noso amigo Santiago dounos unha agradable sorpresa acompañándonos coa súa guitarra para interpretar a canción da Hora dos contos, que cantamos e bailamos entre todos.

Como sempre, na despedida Trini repartiu o material co que completar o noso caderno de lecturas, e tras apalpar a barriga dos nenos/as, foi repartindo castañas entre os participantes.

Podedes consultar todas as imaxes da mañá na sección "As nosas fotos"


A hora dos contos
De outubro a xuño, o terceiro sábado de mes ás 12.00 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario