martes, 4 de octubre de 2011

Pintando a Biblioteca


Entre o 19 e o 30 de setembro, o ilustrador Federico Fernández realizou un mural deseñado ex profeso para a Biblioteca Xosé Neira Vilas: trátase dunha máquina que recolle os libros, catalógaos e logo ordénaos no seu andel correspondente... o desexo de todo bibliotecario!



Durante a realización do mural a biblioteca mantivo os seus servizos habituais, polo que os usuarios puideron presenciar a evolución do traballo e observar ao artista ao longo do proceso creativo.

Federico Fernández é licenciado en Belas Artes, na especialidade de pintura, pola Universidade de Vigo, e ao longo da súa carreira ten participado en numerosas exposicións de pintura e gravado, tanto individuais como colectivas. En 2002 recibiu o Premio ás Mellores Ilustracións de Libros Infantís e Xuvenís por Onde perdeu Lúa a risa?. Actualmente é profesor na Escola de Artes e Oficios de Vigo e traballa como ilustrador para as editoriais Kalandraka e Xerais.

Segundo el mesmo explica “son un ilustrador que provén do mundo da pintura, ou un pintor que se colou entre os ilustradores, en calquera dos dous casos a miña relación cos pinceis é bastante estreita, e a miña paixón por eles logrou que con tempo me den de comer. Pero antes de que iso chegase a ocorrer, desempeñei traballos do máis diverso e para nada relacionados cos pinceis: pizzeiro, mensaxeiro, oficinista... pero sempre coa idea de poder vivir facendo o que máis me gusta (e coido que o único que sei facer porque en todos os demais traballos era malísimo): pintar. Por iso poño todo o meu empeño en conseguir que isto sexa algo máis que un traballo. Espero que vos guste".


Podedes ver todo o proceso creativo do mural na sección "As nosas fotos".

No hay comentarios:

Publicar un comentario