lunes, 24 de octubre de 2011

Día da Biblioteca. Os contos de Pablísimo

O 24 de outubro celébrase en todo o mundo o Día da Biblioteca, e como non podía ser doutra forma, na BPM Xosé Neira Vilas unímonos a este festexo cunha sesión dos Contos de Pablísimo! Non tedes máis que coller un pouquiño de contacontos, engadirlle unha pinguiña de teatro, deixalo ao baño María con animación á lectura, botarlle un chisco de pantomima ....e xa tedes unha sesión de Pablísimo.

Nesta ocasión deleitounos con tres fantásticas historias: primeiro coñecemos ao puntiño Aquiles, que grazas ós seus esforzos chegou a conseguir todo o que desexaba, despois tivemos ocasión de acompañar a un intrépido ratiño que tivo valor para enfrontarse ao temible grúfalo e por último poidemos escoitar unha divertidísima versión do conto da princesa e o chícharo, na que os asistentes participaron de forma activa axudando a crear os efectos sonoros da historia: o galope dos cabalos, a tormenta e a chuvia, a porta do castelo, a princesa asoando os mocos...

Como sempre, todas as fotos desta fantástica xornada na sección “As nosas fotos”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario