sábado, 1 de octubre de 2011

Autor do mes: Domingo Villar

Domingo Villar, nado en Vigo, vive en Madrid onde traballou coma guionista de televisión e de cinema. Dende hai anos é crítico gastronómico nunha emisora da radio nacional e colaborador habitual en diversas publicacións escritas. 
 
No 2006 publica a súa primeira novela Ollos de auga, unha apaixonante historia policial desenvólvese na cidade olívica e arredores. Protagonizada polo lacónico inspector Leo Caldas e polo seu axudante, Rafael Estévez, un aragonés destinado na cidade. Con este primeiro traballo obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento (concedido por alumnos e alumnas lectores de toda Galicia) e, coa súa tradución para o castelán (Editorial Siruela), os premios Sintagma e Brigada 21. Tamén foi finalista en dúas categorías dos Crime Thriller Awards en Gran Bretaña. Publicada en doce países, a primeira novela protagonizada polo inspector Leo Caldas é un dos libros máis vendidos entre os lectores galegos.

 A praia dos afogados é a obra que consolidou a Domingo Villar coma un dos grandes escritores actuais deste xénero negro. O noso autor do mes volve introducir ó lector nunha intriga sen acougo nesta obra. Unha pescuda policial que salferida de humor e con grandes doses de suspense mergulla ó lector no mundo da Galicia mariñeira, dende os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as tabernas da cidade. Esta obra foi galardoada cos Premio Frei Martín Sarmiento 2011 na categoría de adultos, Libro do Ano nos Premios Irmandade do Libro 2009, Premio Losada Diéguez de Creación Literaria e o Premio Brigada 21 de novela negra, e foi finalista do International Dagger Prize 2011.

Títulos que se poden atopar na biblioteca:

- Ollos de auga, Vigo: Galaxia, 2010.
- A praia dos afogados,Vigo: Galaxia, 2010.

Estes títulos están traducidos a seis idiomas, castelán e inglés entre eles.

1 comentario:

  1. Estamos a espera de novas andanzas dó Inspector Leo Caldas. Para cando?

    ResponderEliminar